Xente do Leste. IV

Agora era Borno quen encabezaba a marcha, sempre seguido de perto por Anpu, os dous homes fixeran boas migas. O galaico visitaba o lugar ao que se dirixian todolos anos, nese gran mercado soía intercambiar certos materiais que extraían dun monte cercano á súa aldea por cerámica, útiles e peixe seco. Ese era o motivo polo que coñecía algo da fala dos romanos.

Ao primeiro dirixíronse hacia o sul, seguindo o curso dun río. Amaina e Caio pechaban a marcha, seguían a compartir informacións sobre as súas respectivas costumes, os seus deuses e modos de vida. En certo momento Caio faloulle á moza cunha gravidade coma a de quen conta un segredo, algo que ninguén debe saber, -Virán máis romanos, moitos máis, debes preparar ao teu pobo.- Amaina mirouno e preguntou -para loitar?- -Non-, respostou Caio –Eso sería unha loucura. Para asociarvos con eles. Roma traeravos progreso e seguridade, coñecementos e comercio, a luz da civilización.- A moza detívose coa mirada perdida e logo de meditar un intre dixo -E que vai querer Roma a cambio?- O Mozo mirouna coma quen mira a un neno pequeno coa intención de instruilo e dixo, – Lealdade e tributos, amiga. Lealdade e tributos.-
Cando o sol se atopaba no máis alto do ceo, e a corrente do río se voltou apenas perceptible e as súas ribeiras se foron alonxando unha da outra, a paisaxe escomenzou a cambiar, tiveron que atravesar un pantanal no que o piso era brando e húmido coma nas brañas pero a vexetación consistía en canas, unha grande extensión delas onde abundaban as aves, ras, mosquitos e moitas outras clases de animáis pouco comúns nas fragas que ela coñecía. Cando voltaron a pisar terreo firme, o río xa se tiña convertido en mar e as ribeiras eran en algunhas partes de area fina coma fariña ou de rochas que, coma coitelos se adentraban na auga.

Nunha volta do camiño no que se atopaban á beira mesmo do mar, Caio díxolle a Amaina, -bebe-, Amaina achegouse á auga camiñando por riba das pedras, anicouse e, colocando as máns en forma de cunca, tomou unha migalla de líquido que enseguida cuspeu para divertimento de uns e perplexidade de outros. – É salgada!- berrou – Esto é o mar! Pensei que sería máis grande, un xabaril podería cruzalo a nado.- -Non o dubido- dixo o romano, -Pero agarda, ainda non o viches todo.-
Camiñaron arreo toda a tarde, e cando o sol estaba xa máis baixo do que nunca o vira aquela muller, ao sair dun piñeiral, Amaina ficou abraiada ante a inmensa extensión de auga que se despregaba diante da súa vista. O grupo detívose un intre para contemplar o espectáculo do pai sol afundíndose naquela inabarcable infinidade. Amaina pensou que nunca vería outro espectáculo equiparable.

Borno e Anpu decidiron que, antes de que a noite caíra, acamparían. A distancia que os separaba do seu destiño era pouca e acordaron que era mellor non revelar a súa presenza. Todos estiveron de acordo e, mentres uns ficaron naquel emprazamento preparándose para pasar a noite, Borno e os seus homes achegáronse ata o poboado próximo, asentado sobre a base dunha punta de terreo que se adentraba no mar, para ver de reunir algunhas informacións sobre o grupo ao que perseguían.

Cando voltaron xa a noite estaba ben entrada, os exploradores contaron, mentres ceaban, o que averiguaran. Un grupo de guerreiros chegara ao redor do medio día, interesados na procedencia das dúas naves de comerciantes fondeadas na enseada que a costa formaba, unha era a dun comerciante grego que mercaba metáis e a outra, polo que conseguiran averiguar, podería ser un barco adicado á piratería que só pretendía aprovisionarse de víveres e auga.  Tamén conseguiron averiguar que a infame tropa estaba refuxiada, xunto cos seus cautivos, nunha vivenda algo alonxada do poboado.

Entre todos tentaron de trazar un plan. Caio propuxo chegar a un trato para mercar os escravos, ofrecería a cambio ao prisioneiro e, de ser preciso, unha certa cantidade de ouro coa que fora provisto para a súa misión. Os demáis eran partidarios de utilizar a forza, así que designaron a dous homes que se achegarían á gorida para observar os movementos e determinar o mellor momento para un ataque. Amaina dubidaba entre as dúas opcións, o corazón dicíalle que deberían matar a aquelas bestas e liberar aos nenos, pero a cabeza dicíalle que a estratexia do romano podía resolver aquel asunto sen perder na loita a ningún dos compañeiros de aventura. Ainda que a decisión de poñer en marcha a vixiancia estaba tomada, non debían descartar a posibilidade de que Caio pudera xestionar, ao día seguinte, a transacción. 

Amenceu o novo día cuberto por unha néboa mesta que mollaba coma si chovera. Parecera que o océano tivera desbordado os seus límites e estivera agora ocupando o espacio da terra. Caio e Amaina, acompañados por Anpu, marcharon cara ao poboado, mentres os demáis achegaríanse ao lugar onde os rapaces estaban retidos e agardarían. 

Ao chegar dirixíronse á costa, tiveron que descender por un carreiriño escavado entre as pedras dunha parede rochosa que, en lento zigzag, baixaba ata a praia onde unha rigleira de  homes metidos no mar, os máis lonxanos ata o pescozo, descargaban ánforas dende o barco grego. Os mariñeiros trasladaban e colocaban os recipientes chantados na area e un deles, vestido un pouco ao xeito de Caio e cunha chea de adornos brilantes colgados do pescozo, negociaba con quenes se achegaban a venda.

Ao longo do areal, na parte máis próxima ao cantil, había plantadas varias fogueiras ao redor das cales, grupos de homes e mulleres bebían e xantaban arrimados á calor dos lumes. Anpu díxo algo á orella de Caio e marchou cara o grupo que estaba máis alonxado, uns dez homes de aspecto fero que voceaban nunha lingua extranxeira que os romanos identificaron facilmente, eran membros da tropa que perseguían. Anpu mezclouse entre eles e, algo lles dixo, que ao pouco xa tiña unha xerra na man. O romano e Amaina continuaron a observar o trasego de mercadorías e xente que ía e viña tentando identificar ao lider dos mercenarios e desertores dos exércitos púnicos. Cando ela veu que tres homes descendían polo mesmo sendeiro polo que eles baixaran, advirteullo a Caio cun leve roce do seu cóbado contra o cóbado del. Alí estaba, aquel fulano alto, cuberto cun capote de coiro e unha impresionante coraza formada por pezas metálicas, cinxido cun cinto ancho dunha pel descoñecida para Amaina do que colgaba unha espada longa que destacaba especialmente pola empuñadura fermosamente decorada. Ía acompañado de outro home de extranos cabelos e barba dourados, cuberto con peles e que portaba, á espalda, un escudo rectangular de madeira cun motivo gravado que lle resultaba familiar. O terceiro parecía un servo, a xulgar polos seus sinxelos roupaxes, axustados na cintura únicamente cunha corda e un zurrón colgado do pescozo.

Observaron o descenso dos tres homes ata a area e como se dirixiron a unha pequena embarcación que sobre a praia había varada e na que outros dous tipos agardaban. Os cinco empurraron pola pequena barca ata a auga e embarcaron nela para dirixirse ao misterioso barco que, próximo ao xa identificado coma grego, permanecía fondeado fronte á costa.

Amaina fixo unha conta de cabeza: si hai tres homes no barco e no grupo de Anpu había outros dez, non podían ser moitos os que estiveran gardando aos prisioneiros. Quizáis esta fora a ocasión que precisaban. Puxo ao tanto a Caio dos seus pensamentos e este coincideu en que non se podía deixar estragar esta oportunidade, así que fixo unha sinal a Anpu para que se reunira con eles no alto do cantil. Xuntos os tres, Anpu informounos de que aqueles homes, tal e como sospeitaban, formaban parte da expedición de saqueadores, que viñan de loitar contra os romanos e que, ante as sucesivas derrotas do exército cartaxinés, decidiran desertar, non sin antes acordar un trato cun comerciante de escravos mauritano quen, a cambio de mercadoría para o seu negocio, comprometérase a trasladalos ata Alexandría. Averiguara tamén que o motivo da visita ao barco era o de acordar un lugar para o embarque alonxado de miradas indiscretas. Tamén resaltou que naquel grupo, polos efectos do viño grego, non había homes en condicións de loitar, precisarían dun bo tempo ata acadar o estado de sobriedade necesario para non expoñer a vida de xeito temerario.

Con esta información non cabían máis dúbidas no plan, Anpu e Amaina dirixíronse a toda presa ao lugar onde os nenos estaban retidos e onde o resto da compaña debía estar agardando novas. Mentres, Caio ficaría na praia e, no caso de que os do barco voltasen coa intención de dirixirse ao agocho, faría o posible por entretelos ou retrasalos para darlles marxen de tempo co rescate. Unha vez finiquitada a operación, reuniríanse todos no lugar onde acamparan a noite anterior.

Texto.- C. Crespo.

ilustracións.- Antón do Corsario.

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad