Xente do Leste. III
Na terceira xornada de marcha, perto do mediodía, avistaron unha aldea encaramada no alto dun curuto, mentres se achegaban con cautela, observaron que estaba distribuida en dous niveis e contaba con dous sólidos muros defensivos, un que arrodeaba as escasas seis chouzas da parte alta, e outro na parte de abaixo que delimitaba o cumio. Entre ambos había algunha chouza máis. No muro de abaixo, perto da apertura que franqueaba o paso ao poboado, dous homes traballaban repoñendo algunhas pedras derrubadas do muro.
Fíxolles Amaina aos seus acompañantes un aceno para que agardaran e adiantouse. Os do muro, percatados da presenza dos viaxeiros, botaron man ás lanzas que tiñan apoiadas no valo. Amaina presentouse e relatoulles a causa da súa presenza nese territorio. Tivo que explicar quenes eran os seus acompañantes, pois o seu extrano aspecto e sobre todo o ton de pel e a envergadura de Ampu, suscitaban a desconfianza dos centinelas. Logo dunha minuciosa revisión dos estranxeiros, os dous guerreiros pareceron relaxarse e confirmaron alporizados o paso dos asaltantes que tentaran facer o mesmo que Amaina contara naquel poboado, ainda que non o conseguiran. O ataque sucedera na mañán da xornada anterior, cando varios xinetes e uns dez homes trataron de franquear o muro exterior. -Ah!- dixo o máis alto, -non contaban co que atoparon!- E o outro, que semellaba máis novo, engadiu: – Avistámolos cos primeiros raios do sol, e xa nos pareceu que non tiñan boas intecións. Grazas aos deuses, os nosos muros protexéronnos, apenas fixeron dano, tentaron queimar unhas chouzas e tamén abrir unha brecha no muro, pero non puderon. Matamos a dous e prendemos a outro. Non creo que teñan intención de voltar, pero si así fora, estaremos preparados.

Ao sentir aquelo, Amaina veu luz, voltouse e explicoulle a Caio o que os homes lle acababan de narrar, e acordaron que pedirían que lles permitiran interrogar ao prisioneiro. E Amaina así o fixo e, ainda que nun principio os centinelas se amosaron contrarios, a moza suplicou por ela e polas vidas dos nenos que aqueles bandidos tiñan retidos, ata que o máis vello, un tipo alto de longos cabelos e barba, accedeu a consultalo co líder do poboado.
Mentres agardaban pola resposta, Caio e Amaina planexaron o interrogatorio. O romano advirteu á moza de que o preso non falaría a súa lingua, e que Anpu conseguiría intimidalo o suficiente como para sacarlle a información que precisaban.
O guerreiro veu de volta acompañado de varios máis e dun home xa ancián que era o líder do poboado, o home preguntoulle a Amaina pola súa tribu, e ela explicoulle ao vello que era filla de Dovilo, xefe coelerno, e o home, tras pensar un intre, dixo que creía recoñecer ese nome e que lles permitiría interrogar ao prisioneiro coa condición de que só un podía entrar na chouza onde o mantiñan encadeado. Estiveron de acordo e, escoltados por aquel fero grupo de guerreiros, franquearon a entrada do campamento, unha escaleira de pedra salvaba o desnivel que separaba o espazo baixo, craramente defensivo, do superior que xa se asemellaba máis ás outras aldeas que Amaina coñecía. Xa no interior, dirixíronse a unha edificación circular que estaba algo afastada do resto e, acompañado por dous dos guerreiros que formaban o séquito, Anpu entrou.
Fora, Caio e Amaina foron agasallados con cervexa e queixo, sendo o xoven romano obxecto da curiosidade dos habitantes da aldea que, igual que lle pasara a Amaina, nunca viran vestimentas, calzado nin cabelos peiteados coma os de aquel home.
Mentres agardaban, o xefe, de nome Arquilo, interrogou á moza a cerca dos seus acompañantes, interesado en coñecer as súas intencións, ela quixo saciar a curiosidade do home que semellaba non sentirse moi satisfeito coa información recibida.
Cando Anpu saeu, a súa mirada dirixeuse a Caio ao que fixo un xesto afirmativo. Na súa lingua explicou que o prisioneiro confesou pertencer ao grupo que asaltara a aldea de Amaina, que os nenos estaban no seu poder e que se dirixían a un lugar na costa, un gran campamento no que, naves procedentes de moitos lugares, comerciaban cos indíxenas. Alí tiñan pensado vender aos nenos coma escravos e, dende alí pensaban embarcar de regreso aos seus paises.
Caio ía traducindo as palabras do seu compañeiro e a Amaina custáballe entender todo aquelo, falaban de cousas que ela descoñecía e nunca vira, polo que toda aquela información confundeuna. Ademáis, extrañoulle a actitude dun dos homes de Arquilo, un guerreiro que parecía ter gran ascendencia sobre os demáis, que se chamaba Borno, e que parecía saber moi ben do que falaba Anpu, ata o punto de que incluso chegou a intercambiar con él algunhas palabaras. Ademáis, Anpu tiña outra información que os deixou a todos perplexos, menos a Amaina. Alguén do poboado contactara coa banda e pagara polo secuestro de Vecio, ao resto dos nenos leváranos para enmascarar a maniobra e tamén coma parte do pago. Aquela nova, facía recaer todas as sospeitas sobre Camalo, pero Amaina non tería maneira de demostrarllo aos seus conveciños sen a testemuña do prisioneiro. Unha nova dificultade se plantexaba pois: Como rescatar aos nenos e, ao mesmo tempo, conseguir levar a testemuña a aldea para que declarara contra Camalo?

Cando o grupo de Amaina fixo intención de marchar, xa entrada a tarde, Arquilo aconselloulles que fixeran alí noite, Borno coñecía o lugar ao que o prisioneiro se referira, estaba a menos de dúas xornadas de camiño. O xefe da aldea ofreceulles os servicios coma guía do seu home e outros dous máis que os acompañarían. Tamén levarían ao prisioneiro para utilizalo, en caso de que fose necesario, coma moeda de cambio para liberar aos nenos.
Amaina amosouse sumamente agradecida pola axuda que estaban dispostos a prestarlles e Arquilo xustificouse dicindo, – Quero asegurarme de que eses bastardos non volten máis.-
Tras consultalo con Caio e Anpu, decidiron aceptar a xenerosa oferta das xentes de aquela aldea, e aproveitaron o resto da tarde para repoñer forzas, Amaina e Anpu revisaron as armas e o resto do equipo, e no caso do máis novo dos romanos, adicou o tempo en debuxar e escreber, así o chamaba, nos seus papiros. Caida a noite, os aldeanos ofrecéronlles unha copiosa cea a base de carne de porco e legumes, da que Anpu se sirveu en abundancia, e logo retiráronse a durmir.
Máis o sono veuse interrumpido cando, no medio da noite, un dos centinelas da aldea os espertou, – Hai uns homes asexando o campamento, Borno quere que veñades!- Os tres erguéronse ás presas e seguiron con moito sixilo ao home ata o punto do muro dende o que divisaran aos intrusos. Efectivamente, alí, entre a vexetación, varias sombras parecían observar o campamento. Entre todos coincidiron en que non serían máis de tres ou catro homes e que non supoñían unha ameaza, así que Borno, alzándose sobre o muro, dirixeuse aos estraños, – Amosádevos! Sabemos que estades ahí, amosade as vosas intencións!- Unha das figuras saeu de entre as sombras coas máns en alto, – Son Maturo, da tribo dos coelernos, Buscamos a unha muller da nosa aldea que viaxa soa-. Amaina, recoñecendo a voz, berrou – Maturo! Es tí de verdade? Con quen estás?- -Acompáñanme Xalo, fillo de Caturón, e Dubra a súa muller.

Tamén aos novos visitantes lles abriron as portas do poboado, e tras os saúdos e presentacións, uns e outros puxéronse ao tanto dos acontecementos. Maturo contou como, tras regresar coa súa partida de caza e coñecer o que tiña sucedido, quixo organizar un rescate ao que Camalo se negou, aducindo de novo a superioridade dos asaltantes e a súa avantaxe. Ademáis, acusou a Amaina de ter intentado matalo e logo fuxido. A pesares das palabras de Camalo, Maturo, a quen lle levaran ao seu irmán, decideu emprender un rescate ao que só se apuntaron Xalo e Dubra cuxo fillo era tamén cautivo de aqueles homes.
Pola súa banda, Amaina informouno do destiño ao que se dirixían os asaltantes, dos seus plans e da testemuña do prisioneiro contra Camalo, cousa que Maturo se negou a crer ata que veu cos seus propios ollos ao prisioneiro do que falaban e os novos amigos de Amaina o convenceron da veracidade do relatado.
Con toda esta axitación, xa o sol escomenzaba a anunciarse cando, unha vez acomodado todo o equipamento nos tres cabalos que os recén chegados trouxeran, máis dous máis que Arquilo puxera á súa disposición, afrontaron de novo a ruta. A Amaina impulsouna a visión de aquel grupo, que ainda que heteroxéneo na súa composición, compartía a firme resolución de alcanzar aos fuxitivos e liberar aos cautivos.
Texto.- C. Crespo.
Ilustracións.- Antón do Corsario.