Relatos do Miúdo. Lemmy.
«A xente non se torna mellor cando morre; só falan deles coma si o foran, pero non é certo! aínda son idiotas, son idiotas mortos! «
Lemmy Kilmister.
Esperto espido no sofá, completamente desorientado, creo que abrín os ollos, pero a escuridade é tan absoluta, a exterior e a interior, que me resulta imposible aseguralo. Penso en que a noite anterior debeu ser moi longa, seguramente, un rally de alcohol, porros e cocaina coma nos vellos tempos. A verdade é que non me lembro de moito, deitado en pelotas, cara arriba, tento poñer algo de orde no caos da miña cabeza e só atopo algunha chispa con sabor a Jack Daniel`s e un aume a cera e Rock & Roll. Entre unha densa néboa adiviño tamén unha foto de Lemmy nunha parede. Onte morreu Lemmy Kilmister!
Todo ao meu redor é escuridade, as persianas baixas, as cortinas pechadas, acostumo a deixalas así, gústame a escuridade, pero hoxe resúltame absolutamente imprescindible. A dor de cabeza repinica coma as campás do inferno, un golpeteo metálico e cruel que me late na sen e na fronte, por todas partes. Teño que vomitar.
Cando poño os pes no chan noto a humidade na alfombra, érgome non sen dificultade e tento chegar ao váter a trompicóns, vacilante entre os obxectos esparcidos polo chan nun desorde que só intúo na negrura espesa do piso. Ás apalpadas atopo o pomo da porta do baño, entro sen prender a luz e, axeonllado no chan, boto fora todo o que o corpo se negou a dixerir. Cando por fin logro poñerme en pé, pese ao abaneo do meu ingobernable navío mental, apóiome na pileta, busco a chave da billa e deixo correr a auga. Lavo a cara ata case afogar, e entón, acendo a luz.
Teño mala cara, a miña pel ten un ton esbrancuxado, as pálpebras inchadas e unha olleiras mouras coma dous buracos negros nos que se perden unhas pupilas indescifrables.
Cando volto ao salón o resplandor da luz do baño amósame un escenario caótico, todo é desorde ao meu redor, hai vasos tirados polo chan, dúas botellas valeiras de Bourbon, enriba da mesiña o cinceiro bota por fora, os meus discos todos revoltos e ciscados polo chan, a alfombra ten unha enorme mancha, seguramente de licor, que se perde baixo o sofá. Onde non hai alfombra, sinto o chan pegañento e toda a sala cheira a tabaco, a alcohol e a suor.
Ao correr as cortinas e levantar as persianas, a cousa empeora, dúas lámpadas rotas, a foto das vodas de prata dos meus pais tirada no chan, o vidro estalado, unha desfeita á que non lle atopo explicación. Outra sombra me traspasa e miro en dirección á porta entreaberta do dormitorio, achégome paseniño, procurando non facer ruido e , asexando unha nova escuridade, intúo un novo desorde. Agora si que prendo a luz.
Todo está revolto, as almofadas e a roupa de cama polo chan, máis vasos ciscados, máis cabichas, unhas bragas sobre a mesiña de noite, un frasco valeiro que non sei si quero saber o que é… e eu que non me lembro de nada.
Pero, o máis flipante, o que xa me rompe totalmete os esquemas, e o graffiti que sobre a cabeceira ocupa todo o espazo ao ancho da cama e ata o teito, un as de picas negro con reflexos metálicos; arrodeándoo, nunhas fermosas grafías Old English, tamén negras, o seguinte texto: 49% Motherfucker, 51 % Son of a Bitch.
Alucino, non sei que facer, que pensar, por onde comezar. Tirado no chan, o reloxio espertador marca intermitentemente as 19:20. Non o podo crer! Cánto tempo botei inconsciente? Qué puta droga me pudo mergullar en tantas horas de escuridade?
Agora comezo a reaccionar, volto ao cuarto de baño e métome na ducha, deixo que a auga quente corra sobre min e frégome tentando activar o meu corpo e a miña mente. Logo volto ao dormitorio e, procurando non tocar nada, visto o primeiro que atopo no armario, milagrosamente ordeado. Sen máis, collo a porta e baixo á rúa.
Xa é noite de novo, o alumeado navideño compite coas tebras, tinguindo de cores sinistras un ceo nocturno que chama polo vento e a choiva, camiño á presa, coa cabeza baixa e enfrascado nas dúbidas que todo aquel suceso me plantexa, as rúas están molladas e valeiras, e o frío vaime facendo espabilar pouco a pouco. Cando chego á do Cuco síntome algo mellor, non hai moita xente, os catro habituáis. Cuco, ao verme entrar, dende a barra, levánta a cabeza a modo de saúdo, achégome e sin deixar que fale, pregútolle:
– Qué fixen onte á noite?
– Nada, o de sempre, pero un pouco máis. Menuda movida montáchedes co do funeral de Lemmy… Qúe pouco sentido!
– Pero… -insistín- mameime moito?
– Bueno, téñote visto moito peor. Todo normal, foi divertido.
– E a qué hora marchei? -continuei a interrogalo-.
– Sobre as dúas, quizáis dúas e media…
– Só?
– Si só. Tentaches arrimarte a Lucía, coma sempre, pero ela non quixo, coma sempre. Por certo…
Cuco, dándose a vota e alongando o brazo, bota man a un sobre, outra puta chaladura! apoiado nunha botella de… Jack Daniel`s! Alcalzándomo, engade:
– Deixaron esto para tí.
-Quen?
– Non o sei, hoxe abreu Luci…
Dentro do sobre hai unha folla calquera cuadriculada, nela leo:
Son o as de picas
si che gusta o xogo
eu son o teu home.
Son o calafrío na túa espalda
e son un feixe de ledicia
Agora partirei…
Outra vila, outro hotel, outro mapa,
outro xogo ao que xogar.
Debería estar canso
pero só estou cabreado.
Non hai esperanza no inferno
nin quero vivir para sempre.
Eu son o as de picas.
Eu son o as de picas.
Debaixo unha sinatura, xuraría que autógrafa, “Lemmy Kilmister”. Outra vez non sei que pensar. Levanto os ollos e vexo a Cuco que me observa mentres co pano limpa a barra.
– Pasa algo?
– Non o sei, pode… Anda, ponme unha copa.
– Da botella do vello Jack?
– Por suposto… e que sexa dobre.
C. Crespo