A Illa do Tesouro.
Gravando.
Mento.
As primeiras gravacións realizadas en Xamaica con intención comercial foron de mento. O mento é unha forma musical considerada tradicional na illa que acadaría popularidade entre 1951 e 1956. Este xénero exercería gran influencia nos ritmos que a sucederon ainda que, a finais dos 50, cedería o paso ao ska e ficaría confinado nas festividades rurais e nos hoteis para turistas extranxeiros.
En Kingston existían equipos para gravar discos de acetato dende mediados da década de 1940, as emisoras de radio posuían aparellos deste tipo para gravar e reproducir música de artistas locais. Tamén a nivel comercial existían dúas empresas adicadas a esta actividade:
Posiblemente, o primeiro estudio de gravación merecedor de tal nome, foi propiedade de Ken Khouri (Kenneth Lloyd Khouri. 1917-2003), de pai libanés e nai cubana, a súa familia rexentaba unha tenda de mobles. Khouri traballou para unha empresa que tiña instaladas máquinas «jukebox» por bares de toda a illa; este sería o seu inicio no mundo da música. Con motivo dunha viaxe a Miami, Khouri mercou un equipo de gravación co que percorría os garitos de Kingston recollendo música calipso e mento que despois enviaba a prensar a Inglaterra, pois non existía onde facelo en Xamaica. Khouri, en 1949, montou xunto ao seu irmán Richard, Times Record Limited. Primeiro instalou o estudio na súa propia casa e logo nun clube nocturno de St. Andrew, pero remataría por instalarse na tenda de mobles de King Street, de nome Times Furniture. O negocio dos Khouri baseábase na venda dos discos que producían aos turistas británicos e norteamericanos que visitaban Xamaica, xa que o acceso aos reproductores era moi limitado para a maioría social na illa. Ainda así, Khouri supo ver o potencial que aquel negocio tiña.
Os irmáns Khouri acadaron un acordo coa americana Mercury Records para publicar os seus productos na illa. O paso seguinte foi mercar dúas prensas coas que pechar o círculo, introduxo melloras no equipo de grabación e, prácticamente, case se desfixo do negocio de mobles para centrarse na música. Eran os primeiros cincuenta e a dinámica levouno en 1954 a fundar Federal Records Studio.
Agora a cousa ía cobrando sentido e, ademáis das grabaciós propias nos seus selos Time Music e Federal Records, Khouri obtivo licenzas para prensar algúns dos discos de R&B norteamericano que soaban nos Dance Halls. Cando irrumpe o Ska, e a escaseza de discos procedentes dos USA obriga aos donos dos Sound System a producir a súa propia música, Federal estaba alí para acoller as primeiras produccións dos Coxsone, Reid e Buster.

Ao longo dos anos sesenta moitos dos grandes nomes da música xamaicana pasaron polas instalacións dos Khouri: Ken Boothe, o guitarrista Ernest Ranglin, Don Drummond, The Maytals, Eric Morris, Granville Williams Orchestra, Delroy Wilson, Marcia Griffiths, Bob Andy, Derrick Harriott, Derrick Morgan, Roland Alphonso, John Holt, Byron Lee & The Dragonaires… unha interminable listaxe de nomes que hoxe son historia do reggae. En 1965 Hopeton Lewis grabou en Federal «Take it Easy», xeralmente recoñecido coma o primeiro single de Rocksteady e o éxito do novo ritmo levaría á creación do selo Merritone en 1966, especializado na nova tendencia.
En 1981 Khouri vendeu o estudio a Tuff Gong, o selo propiedade de Rita Marley que cambiou o nome de Federal Records a Tuff Gong Recording Studios.
Pioneiros.
Outro precursor do negocio discográfico xamaicano foi Stanley Motta (1915-?) de orixe sefardí peninsular, era dono dunha tenda de electrodomésticos. O estudio que creou en 1951, Motta`s Recording Studio (MRS), situado en hanover Street, pasa por ter sido a orixe do primeiro disco rexistrado comercialmente en Xamaica, «Whai, Whai, Whai», unha grabación de decembro de 1952 de Lord Fly, de nome real Bertie (ou Rupert) Lions. Pero tamén consta coma producto da casa de Motta o primeiro rexistro dunha gravación xamaicana en Gran Bretaña, «Glamour Gal» de 1952 do grupo «The Ticklers».
Os discos de calypso e mento de MRS estaban destinados a ser vendidos coma «sourvenir», ainda así, chegou a comercializar Lp`s completos entre os que destacan os catro volumes que compoñen a serie «Autentic Jamaican Calypsos», na que destaca a contribución de Roland Alphonso.
E aquí temos a vinculación de Motta co ska, pois entre os músicos que traballaban para MRS estaban moitos dos que logo xestarían o novo son xamaicano: Laurel Aitken, Lord Tálamo, Rico Rodriguez ou Theophilus Beckford.
Pero Motta era un «emprendedor» que veu a posibilidade de monetizar un producto destinado ao turismo, de feito foi membro da xunta directiva da Oficina de Turismo de Xamaica entre 1955 e 1962, e o seu negocio, que chegaría a ter centos de empregados, vendía gran parte dos equipos que precisaban os sound system. Así que, cando veu que outros, coma Federal Records, estaban en condicións de cubrir mellor que él as necesidades da nacente industria discográfica xamaicana, decidiu facerse a un lado e centrarse nos seus negocios.
A terceira parte neste asunto é Ivan Ching, un técnico electrónico e propietario dunha tenda chamada «Chin`s Radio Service», no 48 de Church Street, a quen, nalgún momento entre 1952 e 1953, un grupo de músicos achegóuselle pedindo axuda para gravar un disco. Parece ser que o tema titulado «Night Food» non convenceu a Ching, entre outros motivos, polo suxerente da súa letra. En contra do criterio do Sr. Ching, o tema acadou un gran éxito (no ámbito xamaicano) e foi este o motivo polo cal, convencido de que ese tipo de música, esas cancións con letras picantes e ambiguas era o que o público xamaicano buscaba, lanzouse ao negocio.
Contratou a Albert Bedasse, o vocalista e arreglista da canción que deixara pasar, e a Everard Williams, o seu compositor. O contrato estipulaba a producción de dúas cancións ao mes por un prezo de 18 libras. O grupo que se formou levaría por nome «Chin`s Calypso Sextet» e conveteríase nunha pedra angular do mento, pese a que existía única e exclusivamente para gravar con Ching.

Ching produxo unhas 96 cancións, das que 35 son do «Chin`s Calypso Sextet». Outras correspóndense con cancións escritas por Williams para outros artistas, de entre estas destaca un tema titulado «Ethiopia», interpretada por Lord Lebby e que introduce, por primeira vez, o tema da repatriación a África na música xamaicana, presaxiando a importancia que a fe rastafari tería no desenvolvemento da música en Xamaica.
Engineering.
Para que eses primeiros equipos puideran chegar a profesionalizarse precisaríase a intervención dos técnicos, ao fin e ao cabo, os nosos pioneiros, excepto Ching, eran homes de negocios. Eses técnicos virían de lonxe.
Graeme Goodall (1932-2014) veu de Australia, chegou a Xamaica no 1954, logo de formarse en Melbourne e Londres, para traballar na creación da primeira emisora de FM de Kingston, a Radio Jamaica Rediffusion. Con Khouri traballaría na construcción de Federal Records onde tamén participaría coma enxeñeiro de son nas primeiras grabacións do estudio.
Goodall, tamén coñecido polos alcumes «Dr. Bird» e «Mr. Goody», axudou a construir outros estudios coma Dynamic Sound, Studio One ou Channel One Studios. Goody poría os seus coñecementos ao servicio de productores coma Coxsone Dodd, Byron Lee ou Leslie Kong, gravando a artistas da relevancia de Laurent Aitken, Millie Smile, os Wailers, os Skatalites, Prince Buster, Derrick Morgan ou Desmond Dekker. Tamén é de destacar o seu papel coma instructor dos primeiros enxeneiros de son xamaicanos coma Sylvan Morris ou Lynford Anderson.

En 1962 cofundaría xunto a Chris Blackwell e Leslie Kong o selo Island Records, en Londres, ainda que a relación con Blackwell foi curta, e Goodall crearía, no Reino Unido dous selos transcendentes para a difusión da música xamaicana en Inglaterra: Dr. Bird e Pyramid.
Foi Goodall quen, tras conseguir que Leslie Kong lle enviara os másters dun tema de Desmond Dekker titulado «Poor Me, Israelites», de escasa repercusión en Xamaica, publicouno, tras unha remezcla, no seu selo Pyramid, co título «Israelites». O disco vendería dous millóns de copias e chegaría ao máis alto das listas británicas.
Ainda chegaría a dirixir West Indies Records e axudaría a crear Trojan Records e Attack Records ademáis de, xa nos 70, colaborar na montaxe do estudio Tuff Gong cando Marley llo mercou a Khouri.
Goody era unha figura respetada que, dende a parte técnica, axudou a configurar o son da música que emana da illa, sendo, según a opinión de moitos, quen primeiro entendeu a importancia dos graves na tradición do reggae.
C. Crespo.