A Illa do Tesouro
Pequena introducción á historia do ska I
A illa.
Xamaica pertence ao arquipélago das Antillas, no Mar Caribe, está situada a uns 150 kilómetros ao sul de Cuba, a 180 da illa de La Española (Haití e República Dominicana) e a 630 da costa centroamericana. Arawaks e Taínos, os séus primeiros poboadores chámaban á illa Xaymaca, “terra de madeira e auga”. Colón chega a Xamaica en maio de 1494, durante a súa segunda expedición, pero é ao seu fillo Diego a quen se lle atrubúe a súa conquista e colonización, a partir de 1509. De aquí para adiante, poderíavos contar outra tráxica historia de xenocidio, escravitude, piratas, bucaneiros e corsarios, ingleses, holandeses, franceses, rebelións de escravos brutalmente aplastadas, explotación colonial e violencia política; pero aquí estamos a outra cousa, así que imos ao noso.
A primeiros dos 50 do pasádo século, as circunstancias socioeconómicas de Xamaica propician un fluxo de poboación do medio rural ao urbano. Os desprazados aséntanse nas aforas das cidades constituindo zonas suburbiáis en torno aos centros urbanos. E ese era o pote que precisabamos para cociñar a nosa receita.
Neses guetos do chamado downtown en contraposición co uptown, as zonas céntricas onde residían as clases medias e altas, nace un fenómeno cultural que, pola súa intrínseca vinculación coa cultura popular, constitúe un dos elementos transcendentes da xénese e da expansión da música xamaicana moderna.
Os sound system viñan sendo, para entendernos, unha discoteca na rúa, un recinto valado cunha “pista de baile”, chamada dance hall e unha barra onde se despachaban bebidas. Nestes recintos instalábase un equipo de son, canto máis potente mellor, e a xente do barrio xuntábase alí para bailar, beber, xantar… Constituían os centros de ocio e diversión das clases populares, os espazos onde esquecer os pesares arrastrados por centos de anos de escravitude, opresión e aldraxe, onde o pobo estigmatizado pola cor da pel, polos prexuizos que os marcaban coma herdeiros dunha cultura salvaxe e primitiva, facían piña ante unha sociedade que os desprezaba.
Cito a Tomás González Cobos cando, no prólogo á edición en castelán de Bass Culture (Bass Culture. La historia de Reggae, Lloyd Bradley, Machado Grupo de Distribución, S.L. Madrid, 2014), escrebe: “Imaxinen que na súa sangue ferve a furia de xeracións de escravos despoxados de todo e que a única propiedade que trouxeron de África os seus antepasados, de onde sairon co posto, son precisamente esas formas de cultura despeciadas (e temidas) polos brancos: prácticas (lendas, danzas, cánticos, música de tambores) entre as que se atopan as tradicións neoafricanas de maxia negra en Xamaica -o chamado obeah- e a pocomanía, un culto afroprotestante que incita á exaltación espiritual a través da música e a danza.”
Sound system.
O nome sound system fai referencia ao set, o equipo de son, que nos primeiros establecementos deste tipo, ainda nos anos 40, non era máis que un aparello de radio ou un gramófono nos que poñer música coa fin de atrer clientes ás tendas. Co florecemento destes negocios a cousa foise complexizando e os equipos foron incorporando melloras “tecnolóxicas”. A Headly Jones se lle atribúe a fabricación dos primeiros equipos para os sound system, amplificadores rudimentarios que permitían regular frecuencias altas e baixas. Logo virían os Wong, familia chino-xamaicana que escomenzaron a importar equipos, tanto novos coma usados, do Reino Unido e dos Estados Unidos. Pero o cumio eran os que fabricaba, á medida, un tal Morrison, que montaba amplificadores en tándem ou por triplicado que permitían acadar unha gran potencia.
Cando falamos dos altofalantes, temos que pensar en auténticos muros de bafles, con especial énfasis nos graves, entre os que os máis populares eran os Goodman de 18 pulgadas. Si sería impresionante o desplegue, que esas torres de caixas acústicas recibían o nome de houses of joy (casas da alegría). O importante era conseguir esa irradiación que atravesa o corpo e fai vibrar os vasos.
Business is business.
Os donos dos sound system eran coñecidos coma sound man, e eran auténticos “capos” no gueto, grazas ao seu poder económico e á súa influencia. Os métodos que utilizaban podían ser moi expeditivos á hora de protexer os séus intereses. Así, era práctica habitual que un destes “empresarios” visitara o negocio dos competidores e pagara aos asistentes para que se foran ao seu negocio. Había unha chea de sound system repartidas polos distintos barrios de Kingston, e a elas a veciñanza uníase cun vínculo coma o que hoxe podemos ver entre os afeccioados dun equipo de fútbol, unha sorte de orgullo de pertenza a un barrio.
Entre as principaís sound system estaban a de Tom the Great Sebastian, V. Rocket, King Edwars, Sir Nick, Nation, Admiral Cosmic e, xa pertencentes a unha segunda fornada de sound men, os que se fixeron co control a partir de mediados dos 50, as de Clement Coxon Dot, Athur Duke Reid e Prince Buster, quenes elevaron o negocio ata o nivel de auténtica industria.
Sen música non hai revolución.
A música que se pinchaba nas festas dos sound system era a que se escoitaba nas radios locáis e nas emisoras do sur-leste estadounidense cuxo sinal chegaba á illa precorrendo os 160 Km. que separan Xamaica de Florida. Ritmos autóctonos coma o Calipso e o Mento, Jazz, ritmos “latinos” e sobre todo, Rhythm & Blues e Boogie Woogie. Soaban os éxitos de Fats Domino, Ray Charles, Louis Jordan, Wynonie Harris, Jimmy Reed ou Bill Dogget. Tamén acadaron gran éxito artistas coma Dizzy Gillespie, Sarah Vaughan ou Earl Hines e outros máis melódicos coma Nat King Cole, Billy Eckstine, Jesse Balvin ou os Moonglows.
Eses discos, imposibles de conseguir no país, procedían, claro, dos USA, e chegaban a través de traballadores emigrados que voltaban en vacacións, mariñeiros mercantes, temporeiros que retornaban das campañas agrícolas; existía un mercado no que incluso algúns deses viaxantes traballaban en exclusiva para unhs ou outros negocios.
Era común que, nada máis facerse cos vinilos, os propietarios borraran calquera dato impreso nas etiquetas para evitar a espionaxe por parte da competencia. O verdadeiro valor destas grabacións era a exclusividade, un disco non valía a pena si calquera podía ter acceso a él. Con frecuencia incluso se rebautizaban as cancións con nomes que facían referencia áos propios sound system, aos soundmen ou aos pinchas.
Dj?
No funcionamento do artefacto había dúas pezas de vital importancia e cuxa función debemos aclarar para evitar confusións eurocentristas.
En primeiro lugar estaba o selector, o que nos chamariamos un “pincha” ou “Dj”. Era o encargado dos tocadiscos. O selector decidía o que se pinchaba, sempre en armonía coa resposta directa dun público entusiasta que obrigaba, en certos casos, a repetir o mesmo tema unha e outra vez, ou a retirar unha pista que non era do seu gusto. Ao principio estes profesionáis traballaban cun só tocadiscos conectado a un amplificador, polo que o cambio dun tema a outro era un auténtico xogo de prestidixitación. Logo chegarían evolucións que permitían aos selectors engadir efectos sobre a marcha.
Despois estaba o Deejay, o tipo que presentaba o material e que improvisaba sobre a música rimas, parrafeos e chácharas rítmicas, recollendo as reaccións do público e provocando a súa partricipación nunha experiencia que podemos describir coma comunitaria. Existe a consideración de que estes deejays serían os precursores dos Mc estadounidenses.
Resumindo…
Pois ben, ata aquí esta nota introductoria á historia dos inicios da música xamaicana orixinaria, un patrimonio cultural merecedor da consideración Patrimonio Inmaterial da Humanidade, e ao concepto de sound system coma un dos elementos clave na súa configuración e na súa evolución.
A partir de mediados dos 50, coa irrupción de novos elementos, a cultura xamaicana acadará un son propio, un son capaz de xustificar o orgullo dun pobo e de agrupalo arredor da música.
C. Crespo