A Illa do Tesouro

Pequena introducción á historia do ska, e V.

“Hinglan”.

A finais dos cincuenta había en Londres, oficialmente, uns 90.000 xamaicanos recén chegados pero, extraoficialmente, a cifra podería rondar os 160.000.  Ainda que a política gubernamental favorecía esa inmigración, os traballadores negros estaban expostos ao racismo e a discriminación e a súa integración naquel mundo de brancos non resultaba sinxela, especialmente á hora de divertirse un sábado pola noite, logo dunha longa semana laboral. Nos clubes, “pubs” e “dancehalls” estaba implantado o prexuizo de que os caribeños traían problemas, problemas relacionados coa pouco tolerable idea de que os negros puderan confraternizar coas mulleres brancas. Así pois, para divertirse, a poboación de orixe xamaicana, refuxiábase nas mesmas costumes culturais que traían consigo, a tradición dos “sound system”.

O primeiro establecemento deste tipo en abrir en Londres foi “Duke Vin the Tickler`s”, propiedade de Vincent Forbers, quen xa traballara en Kingston coma “deejay” e “selector” no establecemento de “Tom the Great Sebastian”. Ao de Duke Vin, pronto se sumou un novo local dirixido por Count Suckle. Ambos negocios se estableceron en Landbroke Groove, zona que, hai sesenta anos, constituía o núcleo do gueto occidental londinense.

Replicar a atmósfera dos “sound system” xamaicanos non era unha misión sinxela. En primeiro lugar estaba o feito de que en Xamaica, como sabedes, este tipo de actividades, desenrrolábanse ao aire libre, cousa que no medio da néboa londinense (a metereolóxica e a mental), resultaba imposible. Os locais pechados requerían dunhas amplificacións que pouco ou nada tiñan que ver coas empregadas na illa, e aos técnicos británicos as peticións dos “sound man” caribeños resultábanlles, cando menos, extravagantes. 

Logo estaba o tema dos discos. Ao principio chegaban dende Xamaica a través de amigos ou dos propios “sound system” da illa, que vendían aos londinenses aqueles materiais que xa se consideraban “queimados” nas pistas de Kingston. Co despegue da industria musical xamaicana, as copias escomezaron a chegar de maneira directa, pois os propios empresarios da illa descubriron un novo mercado que ofrecía unha segunda oportunidade europea aos discos que xa remataran o seu percorrido caribeño. Os tratos cos productores xamaicanos favoreceron a aqueles empresarios establecidos en Gran Bretaña que contaban cos contactos imprescindibles para se desenvolver con soltura no ecosistema de Kingston.

No nacemento deste mercado da música xamaicana en Inglaterra non podemos esquecer o importante papel do público que, a diferencia do xamaicano, contaba cun poder adquisitivo que lle permitía adquirir as copias de aquela música que chegaban dende a terra que deixaran atrás.  

 

Jazz no Soho.

No tocante á presenza de músicos xamaicanos na Gran Bretaña, a finais dos anos cincuenta xa había certa tradición de músicos caribeños na escea jazzística londinense: Alphonso “Dizzy” Reece, Sammy Walker, Joe Harriott, Wilton Gaynair ou Wynton Kelly (algúns deles alumnos da Alpha Boys School) eran músicos habituais dos locais de jazz do Soho londinense, pero completamente alleos ao Ska.

Tampouco o público caribeño das illas británicas era moi receptivo á música en directo e, os pioneiros en territorio europeo coma Rico Rodríguez ou Ernest Rangling, non tiveron a acollida que cabería agardar. Mostra de esto que comento é o feito de que, á primeira actuación dos Skatalites en terras británicas no Porchester Hall de Londres en 1967 non acudiron máis de cen persoas. O mesmo lle sucedeu a Prince Buster e a Jimmy Cliff, quen xa vivía no Reino Unido dende 1964.

Asi que, ainda que a Inglaterra chegaban discos xamaicanos, as compañías británicas non se implicaron neste negocio, o que propiciou que foran os propios xamaicanos coma Jah Vego ou George Prince (Peckings) quenes distribuían os discos non só ás “sound system”, senón tamén ao público xeral, e como non tiñan tendas, vendíanos á saída dos bailes e percorrían a cidade en autobús para colocar os seus materiais porta a porta.

 

British Ska.

Foi Sonny Roberts o primeiro en dar o paso de grabar e producir música xamaicana en Inglaterra, para elo creou “Planetone Records” na súa propia casa. Escomenzou grabando gospel pero, coa chegada do ska, propúxose grabar a músicos xamaicanos residentes en Londres en troques de, como facían as discográficas británicas, mercar másteres na illa caribeña.

Nunha réplica do que xa sucedera en Xamaica, Roberts escomenzou a vender eses discos aos “sound system” que apreciaban a exclusividade dos temas novos producidos no Reino Unido, logo pasou a vender maiores cantidades ofrecéndollos aos asistentes aos bailes e, finalmente, rematou por abrir a súa propia tenda “Orbitone”.

Entre os vocalistas que traballaban para Sonny “Orbitone” destacaban Dandy Livingston e Tito Simón (Sugar & Dandy), e a súa banda residente eran os Planets, liderada por Rico Rodriguez.

A pesar da informalidade destas primeiras grabacións de ska xamaicano na Gran Bretaña, as ventas foron en aumento, ata que conseguiron chamar a atención das discográficas británicas que apenas amosaran interese pola música xamaicana máis alá do calipso. No 1960 os selos “Starlight” e “Melodisc” fixeron as que, probablemente, foron as primeiras grabacións de boogie xamaicano nas illas, o exitoso e xa citado “Boogie in my Bones” de Laurent Aitken e “Lonesome Lover”, do propio D. Lourenzo. Ainda que o “Boogie…” foi editado mediante a licencia mercada á “Island” de Chris Blackwell, no caso de “Lonesome Lover” o propietario de “Melodisc”, Emil Shallit, optou por realizar a súa propia grabación, consciente do florecemento dun mercado para a música negra no Reino Unido.

O éxito de ese tema levou a Shallit e ao seu socio Siggy Jackson a fundar “Blue Beat”, coa idea de crear un selo adicado exclusivamente á música xamaicana. Así, o seu primeiro disco foi “Boogie Rock”, do propio Aitken, seguido de “Dumplin`s” de Byron Lee & the Dragonnaires.

Ska explosion.

Emil Shalitt acostumaba a viaxar a Kingston con frecuencia, polo que pudo pechar acordos con todos os “capos” musicais da illa, Coxsone, Duke Reid, Seaga, Derrick Harriottt, os Khouri, etc. conseguindo para o seu selo un catálogo que comprendía os grandes éxitos dos Jiving Juniors, Higs & Wilson, Keith & Enid, Theophilus Beckford, os Mellow Larks ou Duke Reid`s Group.

Co paso do boogie ao ska, Blue Beat consolidouse, poñendo no mercado máis de trescentos singles entre 1961 e 1964 (máis de un cada semana) e facendo que o nome da súa empresa se convertese en sinónimo de música xamaicana. A alianza de Shallit con Prince Buster proporcionaría ao Reino Unido algúns dos grandes momentos do ska  coma “Al Capone”, “Madness”, “Burke`s Law” ou “10 Commandments of Man”, así coma algúns éxitos grabados na propia Inglaterra coma “Wash Wash”, permitindo ademáis frecuentes xiras de Buster polo país.

O éxito de Blue Beat provocu a reacción da competencia e, ao irense adentrando os sesenta, ademáis de Planetone e Starlight, aparecen selos coma Carnival, R&B, Ska Beat, Caribou, Port-O-Jam ou Rio, compañía fundada por Graeme Goodall, un inxenieiro de son australiano que tiña participado en prácticamente todas as grabacións de Coxsone antes de trasladarse a Inglaterra no 1962.

Pero a verdadeira explosión viría da man de Chris Blackwell e Island Records quen tamén chegou a Londres no 62 cun empeño craro, lograr a internacionalización da música ska.  O catálogo de Island estaba repleto de produccións de Coxsone, Reid, King Edwars, Lindon Pottinger, Vincent Ching, Byron Lee e Derrick Harriot, pero ademáis, un contrato exclusivo con Leslie Kong deu a Blackwell acceso a Jimmy Cliff, Desmond Deckker, Derrick Morgan e a un músico que, daquela, era coñecido polo nome de Robert Marley.

A Blackwell atribúeselle tamén a creación da primeira rede de distibución adicada únicamente á música negra en Inglaterra, rede que permitiu ampliar o círculo ás comunidades xamaicanas de fora de Londres coma Aylesbury ou Reading.

A finais de 1963 moitas cancións xamaicanas xa vendían por riba das 10.000 copias, pero Blackwell quería ir máis aló, pretendía introducir un tema ska nas listaxes de éxitos británicas. 

Esa canción foi “My Boy Lollipop”, composición que Ernest Rangling adaptou ao estilo xamaicano e que se grabou contando coa voz de Millie Small, solista xamaicana que levaría a súa interpretación ata o posto dous da “Billboard Hot 100” en 1964. No decurso de un ano, “My Boy…” vendeu seis millóns de copias en todo o mundo, supoñendo o definitivo despegue mundial da música xamaicana máis xenuina.

Pero mentres o ska ía acomodándose nos ambientes respetables de Xamaica, Londres e do mundo enteiro, en Kingston as cousas xa escomenzaran a cambiar e os músicos do gueto estaban, xa, a outra cousa, o ska estaba a dar paso ao rocksteady, pero ese xa é outro conto…

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad