A illa do tesouro. Un film xamaicano.
Pequena introducción ao cinema xamaicano.
Si ben Xamaica nunca tivo unha verdadeira industria cinematográfica, tanto o goberno xamaicano coma a iniciativa privada tentaron promover a producción cinematográfica, coa creación da «Jamaican Film Commission» e festivales coma o Reggae Film Festival. A partir dos anos 70 producíronse na illa diversas películas que non están exentas de interese.
Sen dúbida, a producción de maior transcendencia foi «The Harder They Come» (Perry Henzell, 1972), que obtivo bastante recoñecemento a nivel internacional e que estableceu unha tendenza seguida, a posteriori, por títulos coma «Dancehall Queen» (Don Letts, 1997) ou «One Love» (Rick Elgood, 2003).

Existen outros títulos que conforman a filmografía de producción autóctona coma «Rockers» (Theodoros Bafapoulos, 1978), película que, no seu elenco, contou con destacadas figuras da música xamaicana coma Leroy Walace, Burning Spear, Gregory Isaacs, Big Youth, Dillinger ou Jacob Miller. «Third World Police» (Chris Browne, 1999), producida por Chris Blackwell a través de «Island Jamaica Films», ostenta o mérito de ser a película máis taquilleira do cine xamaicano. Esta productora, creada polo fundador de «Island Records», botaría a andar anos antes con «Countryman» (Dickie Jobson, 1982) que conta cunha banda sonora na que participaron artistas de Reggae lexendarios coma Bob Marley & the Wailers, Lee «Scratch» Perry, Steel Pulse, Denis Brown, Aswad, Toot`s & the Maytals ou Rico Rodriguez. Tamén hai que citar o filme «Smile Orange» (Trevor D. Rone, 1976), que explora a industria turística da illa nese tempo e establece unha comparación entre esta e a escravitude.
Por outra banda, non podemos pasar por alto o protagonismo que a nosa illa favorita tivo en numerosas produccións extranxeiras. Títulos coma «20.000 leguas de viaxe submarino», «Papillón», «Vive e deixa morrer», «Clube Paradise» ou «A Illa do tesouro» foron filmadas nos escearios desta xoia caribeña.
The Harder they Come.
Coma xa se dixo, a produción do cinema xamaicano de maior repercusión internacional e que supuxo un fito para a industria musical xamaicana, foi «The Harder They Come». Protagonizada por Jimmy Cliff, a cinta narra a historia de Ivanhoe Martin (Iván), un xoven xamaicano que chega a Kingston dende unha zona rural, coa idea de colarse na escea musical da cidade. A cousa tórcese dende o principio. Ao chegar, un engano déixao co posto e Iván vese obrigado a buscarse a vida con diversos «traballos» que o van endurecendo cada día máis. Nun deses choios, coñece a un estricto predicador para o que entra a traballar. Ahí atopa a Elsa, da que se namora.

A oposición do predicador a esa relación fai que Iván remate na rúa e, xa convertido nun «rude boy», adéntrase no mundo da delincuencia. Enganado por un productor, traizoado por un socio, o noso protagonista vese envolto nun tiroteo no que morre un policía.
Parece ser que o personaxe do protagonista está inspirado nun tipo real de nome Rhygin, un criminal que acadara fama nos anos 40, e ao que alguns consideran o primeiro «Rude Boy».
A película estreouse nun momento no que o recoñecemento da cultura musical xamaicana estaba en auxe e tivo gran importancia na súa difusión. Ofrecía unha imaxe realista da sociedade da illa naquel momento, con todo luxo de detalles tocaba a política, a economía, a relixión e o trasfondo social da miserenta vida dos guetos. O film tamén amosa a realidade dos estudos de gravación de Kinston, dos productores, a súa relación cos artistas e a explotación existente na industria musical.

A repercusión na propia industria cinematográfica da illa foi tal que moitos directores e productores posteriores trataron de emulala, configurando unha sorte de xénero autóctono baseado en representacxións realistas de Xamaica, nas que a música está íntimamente ligada á trama e nas que, existe un certo menoscabo hacia a cultura cristiana e de loanza do rastafarismo.
B.S.O.
Din os que saben que «Catch a Fire» (Bob Marley & The Wailers. Island Records, 1973) foi o álbum que convirteu o reggae nunha música global, lanzou á banda ao estrelato mundial e converteu ao seu líder na figura musical que hoxe coñecemos. Pero a importancia do álbum da banda sonora da película que nos ocupa é algo indiscutible.
Publicada en Gran Bretaña por Island Records en 1972 e polo selo Mango Records nos Estados Unidos en febreiro do 73, acadou o posto 140 nas listas do Billboard 200.
No disco hai catro temas interpretados polo propio Jimmy Cliff, escomenzando por «You Can Get It If You Really Want», un tema que xa popularizara Desmond Dekker no 1970; «Many Rivers To Cross», que Cliff compuxera con só 21 anos aló polo 1969; «Sitting In Limbo» e «The Harder They Come», o tema principal da película e o único da B.S.O. Composto específicamente para o film.
«Draw Your Brakes» de Scotty é un tema que nos achega o traballo dos deejais xamaicano, no que o cantante desenrola a súa propia letra sobre unha remezcla do «Stop That Train» de Keith & Tex. Tamén está o «Rivers Of Babilon» dos Melodians, un espiritual xamaicano baseado nun salmo bíblico cuxa versión máis coñecida acostuma a ser a de Bonnie M.

Toots & The Maytals aportan dúas cancións, dúas xoias: «Sweet & Dandy» e «Pressure Drop», cunha repercusión extraordinaria reflexada en versións de grupos coma The Clash, The Specials ou The Selecter.
O tema «Johnny Too Bad» de The Slikers e «007 (Shanty Town)», interpretada polo grande Desmond Dekker completan o álbum que contén, ademáis, unha versión alternativa de «You Can Get It…» e unha segunda versión de «The harder…» na que se inclúen algunhas voces de acompañamento.
E ata aquí o artigo sobre este film referente da cultura do reggae que, máis alá da súa relevancia cinematográfica, ofrece un resume imprescindible da escea xamaicana de finais dos sesenta, tanto a nivel social coma musical. Para ver a película recoméndovos esta versión subtitulada dispoñible en Youtube:
e a BSO aquí: