A Illa do Tesouro. Rudies.

Origins.

A violencia constitúe unha constante na vida de Xamaica dende, polo menos, os tempos da conquista. Punto de colisión entre as potencias colonizadoras, foi base dos piratas e corsarios ingleses e holandeses que hostilizaban aos españois na loita polos territorios do Novo Mundo. Logo está a violencia intrínseca que supón o sistema de producción escravista, coas súas insurxencias e persecucións e, abolida a escravitude, as loitas obreiras.

As bandas que controlaban os barrios de Kingston escomenzaron a organizarse despois da II Guerra Mundial. Había catro grupos principais: os «Vikings» en Newport East; os «Park» que controlaban Denham Town; os «Spanglers», en Charles Street e os «Salt City», considerados os máis perigosos e que despois pasarían a chamarse «Phoenix City.»

A finais dos anos 50, o emprego da violencia representaba unha opción interesante para os dous partidos políticos que se disputaban o poder na illa. O JLP (Jamaican Labour Party) contaba co respaldo do sindicato Bustamante Industrial Trade Union, mentres que o Trade Union Congress era o brazo sindical do PNP. Entre ambos sindicatos as disputas eran frecuentes polo control dos portos ou os campos de caña. Era habitual que os sindicatos empregaran a membros das pandillas coma axitadores a soldo nas súas disputas laborais así que, chegado o momento, eses mesmos tipos foron reclutados para importunar as concentracións do opoñente electoral, intimidando aos asistentes, tirando pedras ou brandindo escobas, tal e como estipulaba o lema electoral do PNP: «Barredlos de las calles». Os candidatos devolvían tales favores en forma de fondos para equipamentos deportivos ou cedendo locais para o uso destes grupos.

As eleccións do verán de 1962 marcan un cambio radical na situación. Ainda que a victoria da dereita, representada polo JLP de Alexander Bustamante, por un escaso marxe, garantizaba os intereses de Washington, a idea era mantelos no poder o maior tempo posible. O feito de que unha nova nación negra, con enormes desigualdades sociais e graves antecedentes de revoltas, cun partido opositor de liña socialdemócrata que simpatizaba co castrismo cubano, nun territorio máis próximo a Washington que a maioría dos estados norteamericanos, e no que había moito capital estadounidense investido, situou a Xamaica entre as prioridades en política exterior dos USA.

Ata este momento, as bandas non tiñan grandes enfrontamentos entre elas, o reparto de territorios e actividades estaba claro e non había motivos de disputa. Qué cambiou entón? Podemos establecer tres precursores fundamentais da explosión da violencia dos Rude Boys.

Antecedentes.

Os enfrontamentos políticos recrudecéronse, embrollándose ademáis coas loitas territoriais polo control de determinadas zonas coma as portuarias. O respaldo dos USA ao goberno non foi outro que o de proporcionar armas aos partidarios do JLP, o que iniciou unha escalada na cal os opositores do PNP recurriron á Cuba castrista, á cal reclamaron fusís Kalashnicov que contrarrestaran os M-15 que a CIA distribuía. As armas rusas nunca chegaron, polo que houbo que recurrir ao mercado negro. Así que, coa proliferación de armas por mor da contenda política, en pouco tempo, as pelexas de bandas convertéronse en auténtico terrorismo.

Un segundo factor a ter en conta é o do tráfico de droga. O comercio de marihuana propagouse durante a primeira metade dos anos 60. Medio kilo deste producto, que podía custar na illa algo máis de cinco dólares de 1962, multiplicaba por vinte o seu prezo nas rúas de New York, e os traficantes da costa este dos EE.UU. non ían deixar pasar ese tren.

A menos de mil kilómetros de Florida, o litoral xamaicano contaba con  pouca ou ningunha vixiancia, e no interior era sinxelo construir un aeródromo sen «dar o cante», ademáis a maioría do territorio estaba poboado por campesiños pobres, dispostos a cultivar unhas plantas que melloraban os seus ingresos. E para protexer o negocio estaban as bandas, algunhas das cales xa participaban nel, pois eran quenes controlaban os portos. Na metade da década, o intercambio de pistolas  por marihuana era (extraoficialmente) unha das relacións comerciais máis impotantes entre Xamaica e os EEUU.

A estes dous axentes deberemos engadir o feito da inacción policial. Utilizada polo goberno coma outra división dos seus brazos armados, ainda que algo mellor equipada, con graves problemas xerárquicos e podre de corrupción, ata o punto de que moitos axentes abandoaran o corpo chegando, incluso, a vender as súas armas aos partidarios do PNP. 

Todo isto, unido á indiferencia das autoridades ante o que sucedía nos guetos, levaron á transformación das bandas en auténticos grupos paramilitares que constituían, en ocasións, unha sorte de «gobernos» paralelos cos seus cargos e a súa xerarquía, na que se ascendía en función da brutalidade, a crueldade e o medo que se era capaz de despregar.

Rude Boy.

Ainda que os primeiros personaxes que se poderían adscribir á calificación de Rude Boy datarían dos anos 50, tal é o caso do delincuente coñecido coma Rhygin, no que se inspira o Ivan interpretado por Jimmy Cliff en «The Harder They Come», quizáis sexan os primeiros 60 os anos nos que se configura o perfil que trascendeu na música e na cultura xamaicana.

A denominación correspóndese coa percepción da xente de que eran tipos que desprezaban as máis mínimas regras de conducta social, eran «rude», é dicir, maleducados e groseiros. Na linguaxe popular dicíase deles «dem `ave no manners», non teñen maneiras.

Ainda que ao principio foron considerados unha sorte de «bos ladróns» que protexían os barrios e ás súas xentes, co incremento da violencia entre bandas e o da delincuencia de todo tipo, esta idea foi cambiando.

Non podemos obviar a influencia que o cine tivo na xestación deste fenómeno. As carteleiras dos cines de barrio, cargadas de películas do oeste e de gánsters, tamén configuraron o comportamento duns xoves de estrato social moi baixo que, por primeira vez, sentíanse amos do seu destiño e capaces de escapar das súas miserentas condicións vitais, coma aqueles heroes dos filmes que, con todo en contra, conseguían abrirse camiño na vida a tiros. 

Dance crashers.

Tampouco os «sound system» permaneceron á marxe da violencia, os frecuentes incidentes que se producían nos bailes levaron aos seus donos a contratar a membros das bandas para que se ocuparan da seguridade dos seus equipos e clientes. Pero tamén houbo quen pasou ao ataque, empregando a estes delincuentes para acosar e sabotear aos competidores. Estes grupos eran coñecidos co nome de «dance crashers», os rebentabailes.

As repercusións das guerras de bandas de rudies fixeron que esta temática chegara aos estudios de gravación, dentro da vocación do reggae de contar as cousas que sucedían no gueto. Ademáis, a actitude e a estética dos «rude boys» impúxose nos «sound system» no aspecto de que era a de rigor para unha xeración criada nese entorno.

Lonxe da exaltación desa violencia, a maioría das cancións de temática rudie, amósanse críticas co fenómeno. Xa no 1963 podemos atopar mostras de denuncias da violencia dos «rude boys» como sucede en «Dance Crashers» de Alton Ellis ou  «Shimmer Down», onde os Wailers facían o mesmo. Non obstante, tamén houbo unha liña de exaltación romántica dos tipos duros dos guetos, liña que se ve reflexada en temas dos propios Wailers coma «Rude Boy» ou «Let Him Go», en «Rude Boys Train» de Desmond Decker ou o «Rudies Are The Greatests» dos Pioneers.

No ano 1966 a violencia dispárase cando o governo arrasa os barrios de Back-A-Wall, Ackee Walks e Foreshore Road, poboados polos máis pobres da cidade; os recén chegados do campo e os rastafaris (a zona era adxacente ao campamento rasta de Salt Lane). O tema descontrolouse de tal xeito que, ante a violenta intervención gubernamental, as bandas uníronse para facer fronte á policía e ao exército, loita á que tamén se sumaron os rastas, os «sufferahs» (expresión que se utilizaba para definir aos desposuídos do gueto) e gran número de traballadores. Para cando remataron os enfrontamentos contabilizábanse máis de vinte mortos e centos de feridos e detidos, ademáis dun gran número de vivendas e comercios destruídos. O estado de emerxencia que se impuxo duraría ata ben entrado 1967.

Rocksteady.

En 1965-66, a industria musical comenza a reflexar a desilusión da poboación ante os acontecementos. A euforia da independencia quedara atrás e a música relentízase «coma ao final dunha festa», en palabras de Jimmy Cliff. O ska da paso ao Rocksteady, estilo que pasa por ser o representativo da época dos «rude boys». Ainda que a temática rudie non foi a preponderante no rocksteady e que a súa extensión temporal foi breve, este tipo de cancións deixarían unha pegada profunda e indeleble no reggae. Moitas voces defenden que estas grabacións estableceron unha idea de utilidade social na música xamaicana, posiblemente a base sobre a que se levantaría a música «conscious» que dominaría a década seguinte.

Entre as xoias destacadas de este estilo podemos citar «Drop The Ratchet» de Stranger Cole, «Crime Don`t Pay» de Bob Andy, «Everybody Rude Now» de Keith McKarty, «Cry Tough» de Alton Ellis ou «Stop The Violence» dos Valentines.

Tamén Prince Buster dende o seu selo «Voice of the People» grabou entre 1966 e 1967 unha serie de temas nos que utilizaba o personaxe do «Judge Dread» (Xuiz Dread), un ficticio maxistrado etíope que castigaba con man severa os crimes cometidos polas bandas, especialmente a violencia contra os propios negros era representada coma unha ofensa moito máis grave que a interracial. Esa radicalidade de Buster, que xa era entón seguidor da Nación do Islám, respondía, según él mesmo manifestara, a un deber cívico que como artista tiña.

A postura de Prince Buster tivo respostas coma o «Tougher than Tough» de Derrick Morgan, «Dreader than Dread» de Honey Boy Martin ou «We Are Still Rude» de Dandy Livingstone. Pero a reacción máis enfrontada á idea de Buster veu de quen fora compañeiro seu no sound system Downbeat, Lee «Scratch» Perry. En «Set Them Free» Perry defende aos rude boys en termos sociolóxicos, sustentando a súa argumentación na pobreza, a falla de educación e traballo e a desesperación. Pero ademáis, hai nesta canción un dos primeiros exemplos da conciencia negra que sería unha importante tendenza nas letras do reggae posterior. 

A ética rastafari ía tomando cada vez maior influencia na vida dos guetos e foi este movemento, ademáis das protestas populares contra a violencia rudie e o severo estado de emerxencia imposto, os factores que levaron ao fenómeno rudie a transformarse entre os anos 1967 e 1968 en novas formas de gansterismo.

A estética rudie transcendería no tempo grazas á expansión da música xamaicana. As súas vestimentas e actitudes desembarcarían en Gran Bretaña coa emigración. Alí evolucionaría ao mesturarse coas subculturas obreiras das grandes cidades ata dar lugar ao nacemento dos skinhead e ao chamado skinhead reggae.

Ainda que poderíamos profundizar máis nos aspectos «folclóricos» dos rude boys, nas súas vestimentas inspiradas nos gánsters das películas de Hollywood, na súa característica maneira de bailar, etc. o presente artigo pretendía ofrecer unha contextualización que permita un achegamento rigoroso ao fenómeno e á súa verdadeira importancia dentro do reggae, alonxado da manoseada visión romántica que impregna, case sempre, a nosa percepción de este e outros fenómenos subculturais.  

C. Crespo

Carrito de compra
Scroll al inicio