A Illa do Tesouro.
RASTAFARIS. IV.
Rasta music: O son dos Nyabinghi.
A base da música rastafari aséntase sobre as percusións africanas que sobreviviron á escravitude a pesar das prohibicións impostas polos amos brancos, sobre todo ás utilizadas pola orde «Nyabinghi», unha das primeiras e máis ortodoxas tendencias do rastafarismo. Dúas escolas principais alimentan esta tradición en Xamaica.
En primeiro lugar temos a tradición «Kumina», a expresión musical da pocomania, unha forma relixiosa de base cristián con forte influencia de ritos e crenzas africanas que os escravos trasladados dende Ghana mantiveron vivas nas plantacións xamaicanas. Na percusión «Kumina» empréganse dou tambores de unha soa membrana e que se tocan con baquetas curtas: o «Cast» e o «Kbandu» que é o máis grande e que marca o ritmo.
Por outra banda atopamos a tradición dos «Burru», grupo étnico descendente da tribo afro-occidental «Ashanti» quenes conseguiron manter, ainda na diáspora, certa identidade diferencial. A percusión «Burru» consiste, básicamente, en tres tambores que se combinan buscando un aspecto melódico. Un bombo de case un metro de diámetro, capaz de xerar ultrasóns ao ser golpeado cunha baqueta acolchada, marca o ritmo. Outros dous tambores, máis pequenos e que se golpean coas mans, introducen, no caso do «Repeater», unha melodía, mentres o «Fundeh» aporta armonía e ofrece o contrapunto ao seu compañeiro. Os tambores «Burru» teñen a membrana dobre e a súa técnica foi transmitida aos primeiros músicos rastas por un mestre chamado Brother Job.
A música orixinal rasta combina estas dúas tradicións e engade outros elementos coma diversas percusións de tradición africana ou máis modernas e instrumentos de vento feitos con canas ou botellas ao estilo dos «Kazoo» ou mirlitóns.
Ademáis, estas composicións, incluían letras constituídas por himnos a Jah Rastafari ou pasaxes da Biblia coma salmos, etc. Paulatinamente foron introducíndose letras orixinais e poemas.
A complexidade das percusións dos rastafaris chamaron a atención dos músicos da illa que traballaban nos hoteis amenizando as vacacións dos turistas e que, cando dispoñían de tempo libre, achegábanse ás comunidades situadas nas aforas de Kingston onde se asentaran aqueles que a represión desplazara dende campamentos coma Pinacle, barrios de chabolas superpoboados coma Rockfort, aos pes de Wareika Hill, ou barrios deprimidos do centro da cidade coma Back-A-Wall, Slip Dock Road ou Salt Lane. Alí foi onde as guitarras electricas e os metais se uniron ás sesións dos rastas para crear un jazz típicamente xamaicano e a onde Prince Buster iría a buscar a Count Ossie para incluir a música dos rastafaris na nova música xamaicana, o Ska.
Reggae Rasta.
Ainda que a música dos rastas e o reggae (entendendo coma tal o Ska, o Rocksteady o Roots e todos os estilos que derivan desta trinidade da música xamaicana) non son o mesmo, os trasvases entre eles son evidentes e multidimensionais. A primeira conexión está no contacto dos primeiros músicos de ska cos percusionistas rastafaris e a inclusión dos seus tambores nas composicións que soarían nos «Sound System». Xa citamos, cando falamos do nacemento do Ska, «Oh! Carolina», o tema no que Buster tivo a audacia de incluir ao grupo de percusionistas de Count Ossie, pero tamén outros músicos coma Cedrick Brooks ou Ras Michael foron pioneiros na fructífera relación entre Reggae e Rastafari.
Así, si ben o Reggae non é unha invención dos rastafaris, e xusto recoñecer que moitos dos seus primeiros intérpretes eran rastas e que eles aportaron a raiz africana a un ritmo que procedía de norteamérica. Cando chegaron os setenta co auxe do Roots, a cultura rastafari impregna todo o entorno da música xamaicana, e é así coma o Reggae serve de difusor a nivel mundial das ideas e costumes dos rastafaris.
Logo están os diversos grados en que o rastafarismo se manifesta dentro do Reggae, e entre a multitude de estilos sempre mutantes cos que nos agasalla a música da illa, algúns son tan próximos ao rastafarismo que hai quen fala de Reggae-Rasta cando a presenza dos tambores Nyabinghi se achega ao Roots e ao Hip-Hop para converterse en «conscious dancehall», «conscious reggae», «conscious ragga», ou «modern roots», etiquetas que se aplican músicos coma Capleton, Sizzla, Anthony B, Buju Banton ou Damian Marley.
Rasta Party.
Coma calquera outra manifestación relixiosa, o rastafarismo conta coas súas datas festivas nas que exaltar acontecementos, ideas e crenzas fundamentais da súa fe. A cerimonia básica do rastafarismo é, como xa vimos, os «reasoning», reunións nas que os fieis comparten as súas ideas e interpretacións entre o fume da marihuana. Despois existen unha serie de datas nas que as celebraciós adquiren un carácter máis festivo, estos días coinciden coas festividades do calendario etíope, ainda que incorporan certas datas relacionadas coa propia historia do rastafarismo. En ocasións estas celebracións adquiren unha dimensión multitudinaria e entón reciben o nome de «nyabinghi».
Entre as citas máis representativas destacan a do sete de xaneiro, celebración do nadal na Igrexa Ortodoxa Etíope, rexida polo calendario xuliano. A celebración escomenza o día anterior cun xaxún previo á propia festividade na que ten lugar unha cerimonia, á que a xente acude vestida de branco, esta celebración pode prolongarse durante varias horas e logo as familias xúntanse para compartir un xantar ao que seguen cánticos e meditacións.
O sete de febreiro celébrase o ano novo rastafari coincidindo coa fin da Navidade ortodoxa.
O vinteún de abril é o «Groudation day», cando se conmemora o aniversario da visita do emperador Haile Selassie a Xamaica e o vinte e tres de xullo tamén é festivo, celebrándose o aniversario do nacemento do emperador. Ainda hai outra data relacionada coa vida de Selassie que é o dous de novembro, aniversario da súa coroación e outra data que conta con nome propio, o «Coronation day».
Outras datas festivas son o un de agosto (conmemoración da fin da escravitude), o dezasete de agosto (aniversario do nacemento de Marcus Garvey) o once de setembro (ano novo etíope) e o vinte de novembro, día do neno rastafari (o vinte de novembro de 1959, a ONU proclamou a declaración dos dereitos do neno).
Unha comunidade global.
A difusión do rastafarismo responde, ademáis de á popularización da música reggae, á gran emigración de xamaicanos a América do Norte e Europa, pero tamén á asimilación desta doctrina por parte de comunidades en África, América do sul e central, especialmente nas Antillas.
A principal organización rastafari en UK estima nuns quince millón o número de adeptos no mundo, pero a verdade é que non existen datos fiables ao respecto.
En África existen importantes comunidades rastafaris en Kenia, onde segundo o «Rastafarian Family Elder», a secta máis importante no país, poderían contar con un millón de adeptos e incorpora cada día novos membros, especialmente mozos. Tamén en Sudáfrica existen comunidades Rastas, coma a localizada en NekkiesTownship, un suburbio de Knysna. Tamén en Costa de Marfil existe, dende hai máis de vinte anos, unha comunidade situada en Port-Bouët, preto de Abidjan, cuns oitocentos adeptos.
Pero é a comunidade que habita en Etiopía a de maior tradición en África. Ocupan terreos que lles foron cedidos polo propio Emperador Haile Selassie aos rastas xamaicanos que o apoiaron fronte a agresión de Mussolini en 1935. A douscentos kilómetros da capital Addis Abeba, na rexión de Sashamene, onde os ratas sitúan Zión, a terra prometida, sobreviven catro comunidades conformadas por uns trescentos membros. Tamén existen núcleos na cidade de Melka Oda, pode que uns oitocentos, na propia Addis Abeba e na cidade de Bahir Dar.
Hai tamén comunidades repartidas por diversos puntos do Caribe, entre as que cabería destacar a residente na illa de Granada, onde os rastafaris chegaron a conformar dous tercios do exército rebelde que en 1979 destitueu ao dictador Eric Cairy, para seren logo excluidos polo goberno que conformou o revolucionario Maurice Bishop. Tamén en Trinidade os rastafaris contan con comunidades autosuficientes que acadaron gran protagonismo cando se opuxeron á venda das Illas Granadinas a inversores privados.
E ata aquí este achegamento á historia, crenzas e cultura dos rastas, un movemento, relixión, filosofía, ou como queirades denominalo, no que podemos observar, prácticamente en directo, a conformación dun mito relixioso. Só me queda deixarvos un enlace a unha reportaxe de Arte TV na que poderedes coñecer unha das comunidades herdeiras dos primeiros retornados a Etiopía e a laboura que desempeñan: ARTE Reportaje – Etiopía, tierra prometida de los rastafaris – Ver el documental completo | ARTE en español