A Illa do Tesouro.

Rastafaris. I. Xénese.

Si escoitamos a palabra «rasta», o que a moita xente lle virá á cabeza é o nome dunha tribo urbana, unha sorte de moda no peiteado, a viculación desta co reggae e, probablemente, coa figura de Bob Marley, máximo embaixador da cultura xamaicana a nivel universal. Poucos serían os que acadaran a valorar a orixe do termo a nivel etimolóxico e as repercusións filosóficas, culturais, políticas e espirituais que del se derivan, nin o eco que todo esto irradia sobre algúns dos acontecementos máis relevantes da historia negra do século XX. Cando Robert Nesta Marley comparteu co mundo a súa mensaxe, o rastafarismo acumulaba xa cuarenta anos de lenta pero inexorable fermentación, de acumulación de bases teóricas e de desenvolvemento práctico. 

«Message from the King».

O 2 de novembro de 1930, Ras Tafari Makonen, fillo do Ras Mekonnen Mikael, foi coroado coma o Emperador Haile Selassie I de Etiopía. O título de «Ras» significa na lingua amhárica (a propia do centro e do norte de Etiopía e unha das cinco faladas no país) ‘príncipe’ ou ‘nobre’; e o termo «tafari» traduciríase coma ‘o que causa pavor’. Tales credenciais corresponderíanlle ao monarca coma sucesor número 225 dunha dinastía que se remontaba (según a crenza) ao mesmo Rei Salomón e á mítica Raiña de Saba, Makeba.

Á coroación asistiron mandatarios de setenta e dous estados e numerosos medios de comunicación de todo o mundo, un feito insólito para un país que, económicamente, carecía de relevancia a nivel internacional. Pero o que resulta realmente significativo para esta historia é o feito de que o novo emperador era, naquel intre, o único negro que ocupaba a xefatura de estado dunha nación africana ceibe e que, coma tal, reclamaba ser tratado co debido respeto pola comunidade internacional.

Para os descendentes da diáspora africana, este feito acadaba unha importancia máis intensa, xa que se trataba do suceso máis notable da historia negra de todo o século XX. Esto era así porque, visto dun xeito contextualizado, a escravitude fora abolida había apenas unhas décadas, e o poder colonial era tal que Etiopía representaba un oasis nunha África gobernada completamente polas potencias europeas. Para os herdeiros dos escravos arrincados da súa terra e trasladados ao outro lado do Atlántico, o que sucedía naquel país lonxano supoñía un motivo de orgullo e optimismo, e representaba a posibilidade de que os pobos orixinarios do continente negro, exerceran o poder de xeito real e concreto, e Haile Selassie convertíase nun modelo para a universalidade afrodescendente.

En Xamaica, esta repercusión amplificouse polo feito de que os cristiáns etíopanistas xamaicanos sentían unha especial vinculación, que transcendía ata un nivel espiritual, e é este o feito que explica o desenvolvemento do rastafarismo na illa e non en ningún outro lugar. Para eles, a coroación do novo emperador sustanciaba as profecías contidas no «Libro da Apocalipse» e no «Libro de Xeremías». O propio Haile Selassie reforzou estas creenzas ao adoptar ese nome para reinar, pois o seu significado non é outro que «O poder da Trinidade», e os demáis sobrenomes que o coroaban tiñan todos unha evidente connotación bíblica: «Negus Neghest» («Rei de Reis»), «Señor de señores», «León conquistador da Tribo de Xudá» e, como non, «Elixido de Deus». 

Tamén o territorio sobre o que ía reinar consolidaba a idea da súa relación coa divinidade. O reino que tiña sido coñecido anteriormente co nome de Abisinia era cristián dende o século IV, afastado do poder de Roma cen anos despois, nel foi fundada a Igrexa Copta de Etiopía, a máis ortodoxa e incorrupta forma de cristianismo que era, nos anos trinta do pasado século, o único territorio cristián nun norte de África musulmán.

Outro elemento que se atopa na xénese do rastafarismo procede da idea do panafricanismo, un impulso ideolóxico que reivindicaba, a ambos lados do Atlántico, a reparación das inxustizas xeradas polo colonialismo. Este proceso, herdeiro do etiopismo, ainda que demandaba as mesmas aspiracións emancipadoras, facíao dende unha posición externa ao relixioso. Ainda tendo en conta todo o anterior, a filosofía rasta está máis vinculada ao garveyismo que á Biblia.

«Where`s Garvey?».

Marcus Garvey (Saint Ann`s Bay, 1887- Londres 1940) chegou a Kingston no 1901 para traballar coma aprendiz nunha imprenta. O seu compromiso proletario levaríao a implicarse en loitas sindicais en Xamaica e a visión internacionalista que tiña, xunto co exilio forzado, fixo que colaborara con movementos obreiros en outros países do entorno caribeño, en Sudamérica e mesmo no Reino Unido. En 1916 trasládase a Harlem onde adquireu conciencia de que os Estados Unidos era o lugar idóneo para poñer en práctica os seus ideais. A principios dos anos 20, a UNIA, Asociación Universal para a Mellora do Home Negro, que fundara en Xamaica no 1914, contaba con centos de sedes nos EE.UU. en Centroamérica e en África, así coma forte representación naqueles paises de Europa e Sudamérica nos que existían núcleos de poboación afrodescendente. As publicacións por el fundadas, «Negro World» e «Blackman», eran lectura obrigada a nivel mundial, con contidos sempre críticos coas políticas raciais do mundo branco.

Os elementos fundamentais das teorías de Garvey están contidos no seu chamamento «Un só Deus, un só obxectivo, un só destiño», co que pretendía promover a idea dunha nación negra, autosuficiente e con conciencia identitaria dentro, incluso, do territorio «enimigo». O pragmatismo co que esta idea se plantexaba fixo que a mensaxe prendera entre a xente negra do común, achegándose con claridade ás súas frustacións diarias, sen descartar nunca a acción directa coma método de autodefensa. Os seus plantexamentos resultaron nunha orde de nacionalismo negro radical que se estragaría cando, en discrepancia coa corrente panafricanista, Garvey se posicionou a favor da repatriación dos afrodescendentes ao continente negro. Esta idea partía da convicción de que, a segregación racial practicada nos Estados Unidos e noutros paises, impedía a posibilidade dunha integración.

A súa visión, tan avanzada, supuxo a creación dentro da UNIA dun conglomerado de empresas que tiña coma pilar básico a creación de negocios dirixidos por negros, que empregaran a negros e ofreceran servicios á poboación negra alí onde fora posible, esto incluía a fundación da «Black Star Lines», unha compañía marítima que debería servir para o transporte entre África e o continente americano.

Os logros de Garvey non só puxeron dos nervios ás elites brancas, tamén provocaron a envexa de outros líderes negros de xeito que, entre uns e outros, lograron incriminalo con falsos cargos de fraude postal que o conduciron non só ao descreto, senón tamén á cadea e logo á deportación de volta a Xamaica. Pero a pesar do dano infrinxido á súa figura e á súa loita, ainda hoxe é necesario recoñecelo coma o lider negro que maior importancia acadou nunca a nivel internacional, e cuxa doctrina repercutiría en outros da relevancia de Martin Luther King ou Malcom X. Orador brillante e apaixoado, era capaz de desenvolverse tanto entre os traballadores coma no eido académico. Incorporou cuestións procedentes das doctrinas socialistas pero  recoñecendo a importancia das igrexas negras, e impulsando a incorporación da poboación afrodescendente ás escolas e ás universidades.

Cando Marcus Garvey regresou deportado a Xamaica, foi recibido coma un heroe e a súa reputación fixo que as ideas das que era portador se espallaran polas parroquias rurais da illa, polos suburbios de Kingston e, agora si, entre as clases acomodadas que recibían con entusiasmo a aposta pola educación e a relixión coma medios que facilitaran o desenvolvemento social na illa. Cando Garvey se dirixe aos seus seguidores  e lles anuncia «Volvede a mirada a África: Cando alí se coroe un rei negro, o día da liberación estará cerca», sementa o xerme dun movemento que se tomaría moi en serio o que ía suceder en Etiopía nos anos 30, e tamén a visión rastafari que o identifica con Xoán o Bautista, coma o profeta que anuncia a chegada dun Mesías.

Garvey finaría en Londres sumido na pobreza e no anonimato en 1940 e, ainda que nunca tivo relación co rastafarismo, os seus métodos e principios sociorrelixiosos proporcionarían a este movemento o seu eixo ideolóxico.

 
Carrito de compra
Scroll al inicio