A illa do tesouro. Marguerita.
Introducción.
Sabemos que Anita Mahfood (Marguerita) naceu en Kingston, no seo dunha familia de respetables comerciantes que emigrara a Xamaica, dende o Líbano, na década dos 70 do século XIX, que o seu pai chamábase Jad Mahfood e que era pescador, tamén que tiña dous ou tres irmáns e que vivían en Ocean View Avenue.
Marguerita estivo casada co boxeador (uns din que era de Belice e outros de era hondureño) Rudolph Bent, co que pode ser que tivera dous fillos: Christopher e Suzzane, ainda que outras fontes falan de tres.
Bailarina, actriz e cantante, acadou sona nos anos cincuenta cos seus espectáculos de danza, nos que se facía acompañar polo grupo de percusións rastafaris de Count Ossie (xa falamos antes desta peza clave no nacemento do orixinal son xamaicano. Aquí: A Illa do Tesouro III | Miúdo (miudo.eu) ).
Nesa época, Anita, amósase coma unha muller rebelde e independente. A súa inclinación pola cultura negra conduciría á artista a unha profunda implicación co movemento rastafari. Contan que, antes dunha actuación nun teatro de Kingston, non teño claro si no «Carib Theatre», tivo un enfrontamento co mesmo Vere Johns, productor do espectáculo e presentador do concurso «Vere Johns Oportunity Hour», trampolín para moitos artistas xamaicanos. Ao señor Johns no lle facía moita gracia que uns rastafaris subiran ao esceario nun dos seus espectáculos, os rastafaris eran considerados o escalón máis baixo da sociedade xamaicana, a súa actitude, o seu orgullo racial e o seu rexeitamento do modo de vida da «xente de ben» convertíaos no foco das fobias da racista e clasista minoría branca . Pois ben, Mahfood plantouse e ameazou con non actuar se non era cos músicos de Ossie. A sona de Marguetita atraía a moito público, xa debía estar extendido o seu alcume «The Famous Rhumba Queen», e Vere Johns tivo que ceder.
Nesa época atribúenselle un par de relacións quizáis con músicos, descoñezo o momento no que Brent, o seu home, sae da ecuación, e a principios dos 60, Anita coñece a Don Drummond.
Nudo.
Deberon de coñecerse na comuna rastafari de Wareica Hills, onde vivía Count Ossie, ás súas sesións de percusións acudían moitos músicos que participaban na festa coas súas improvisacións, nunha mestura que era o ingrediente máis xenuino do guiso musical que estaba ao lume. Drummond xa era entón un recoñecido tombonista, «Don Cosmic», dicían. Xa tocara con Eric Dean`s All Stars, con Tommy Mc Cook, Roland Alphonso… Xa traballara para Coxxone, e no 64 integraríase coma membro fundador nos Skatalites.
Neses tempos debeu ser cando Marguerita comenzou a escribir e interpretar música ska, sendo unha das pioneiras entre as mulleres xamaicanas en dar ese paso. Asi, no mesmo 1964 gravaría o único traballo que de ela nos chegou. O single «Woman A Come» publicouse no selo Black Swan e co soporte musical dos mesmos Skatalites. Trátase dun tema de evidente inspiración rastafari que constitúe unha declación de amor a Drummond.
Pero Drummond tiña un lado escuro. Tras dous internamentos en institucións mentais, contaba cun diagnóstico de esquizofrenia, debía de ser un tipo difícil, enfrontado aos productores, aos brancos, a un mundo que semellaba non comprender. Anita foi víctima de malos tratos, tanto físicos coma psicolóxicos, delo deron testemuña varios membros dos Skatalites que afirmaron ter presenciado tales episodios. Era aquela, sen lugar a dúbidas, unha relación truculenta.
Desenlace.
O 31 de decembro de ese mesmo 1964, Don Drummond ausentouse da actuación cos Skatalites que estaba programada, para a noite de aninovo, no Glass Bucket Club. Marguerita si que traballou aquela noite, noutro clube preto da casa onde residían, en Rockfort.
Cando Anita Mahfood regresou á casa, a eso das 3:30 horas da madrugada do 1 de xaneiro de 1965, recibiu catro puñaladas no peito que lle causaron a morte. Drummond dixo á policía que Mahfood apuñalárase ela mesma. O avogado P. J. Patterson, que traballaba para os Skatalites, ocupouse da súa defensa, pero en 1966 foi sentenciado culpable do crime. Declarado «criminally insane», foi recluido no Belleuve Asylum onde falecería, según consta, por causas naturais, en maio de 1969, aos 37 anos.
Epílogo.
A triste historia de Marguerita e Drummond forma parte da tradición musical xamaicana, pero mentres a obra do grande trombonista transcendeu ás novas xeracións, a figura de Anita Mahfood ficou, coma a de tantas outras grandes mulleres, á sombra do xenio creativo que foi o seu asasino.
Muller rebelde, bohemia, e de extraordinario talento, alonxouse dos privilexios de clase para achegarse ao mundo artístico, o que a converteu nun icono do inconformismo que desafiaba as espectativas das mulleres dos anos 50 e 60 do pasado século. A súa implicación co movemento rastafari, nun momento no que estes constituían o escalafón máis marxinal da sociedade xamaicana, supuxo un feito importantísimo para a música posterior na illa, outros seguiron a ringleira de frangullas para conformar o fenómeno musical do Reggae.
C. Crespo.