A ILLA DO TESOURO
PEQUENA INTRODUCCIÓN Á HISTORIA DO SKA IV
We´re independent.
O 6 de decembro de 1962 proclamouse a independencia de Xamaica, e pese a que os beneficios que esto trouxo ficaron nas mans da clase política e do reducido número de millonarios que controlaban a economía do país, unha corrente de optimismo percorreu toda a illa e a nacente industria musical non permanecería allea, de ahí que algúns dos éxitos do momento coma “Independent Jamaica” de Lord Creator (un Calipso), “Forward March” de Derrick Morgan ou o “Anniversary Ska” dos Skatalites, reflexen a euforia deses días. Pero como na casa do pobre a alegria dura pouco, nos suburbios de Kingston non tardaron en darse conta de que o seu día a día non cambiaba e os disturbios non tardaron en chegar, en forma de enfrontamentos entre rastas e policías na semana santa de 1963. Esta percepción de fracaso tamén sería recollida pola música do momento en cancións coma “Babilon Gone” de Lautel Aitken, “Time Longer than Rope” de Prince Buster ou “Carry Go Bring Come” de Justin Hinds & the Dominoes.
Este acompañamento que a música facía do proceso político reforzou a identificación da xente co novo son que, a estas alturas, xa se establecera coma o que hoxe coñecemos coma “Ska Clásico” ou, coma a min máis me gusta chamarlle, a primeira onda do Ska (First Wave).
A radio tamén xogou un papel preponderante nesta historia como amosa o feito de que, ainda que a maioría da programación en 1959 era copada polos exitos estadounidenses, en pouco tempo, o Top 30 pasou a estar composto por éxitos netamente xamaicanos. Ademáis, a creación da “Jamaica Broadcasting Corporation” (JBC), a primeira emisora pública xamaicana, sen vínculos coa metrópole, fundada no 1959 polo primeiro presidente xamaicano Norman Manley, e que facía unha gran ostentación de xamaicanidade ao servicio dos intereses políticos e co obxectivo de tocar a fibra do nacionalismo, favoreceu unha identidade cultural que funcionara coma escaparate da nova nación.
Studio One.
Cando Clement “Coxxone” Dodd funda en Brentford Road o primeiro estudio de grabación propiedade dun negro, aportou á música xamaicana unha posibilidade inédita ata entón. O feito de non ter que pagar polo tempo de utilización dun estudio, proporcionou a Dodd a oportunidade de ofrecer a un grupo de músicos, que por primeira vez contarían cun salario, o tempo e os medios que lles permitirían explorar e experimentar coa única limitación da súa propia creatividade. E quenes estaban alí?
Lloyd Knibbs, Tommy McCooK, Lloyd Brevett e Jackie Mitoo foron os cimentos, eles introduxeron algunha das bases do novo ritmo; o “rimshot”, un toque coa baqueta que golpeaba ao mesmo tempo a membrana e o borde de madeira da caixa. Ademáis redobraron a énfase no contratempo a golpe de piano ou guitarra e aceleraron o ritmo, acompañando todo isto cunha explosiva sección de metáis e unhas liñas de baixo que sustentaban toda a estructura.
Este grupo de músicos novos acabarían por constituir a banda máis influinte do Ska, The Skatalites, cando sumaron ao seu proxecto aos saxofonistas Roland Alphonso e Lester Sterling, os trombonistas Don Drummond e Jhohnny Moore ademáis de Ba Ba Brooks coma trompetista. A éstes engadiríanse coma vocalistas Lord Tálamo e Tony Dacosta e os guitarristas “Jah” Jerry e Harold Moore. A banda orixinal só duraría ata 1965, ano no que o xenio Don Drummond faleceu en tráxicas circunstancias. Pero esta historia quedará para outro día, pois merece tratamento aparte.
O Ska é sempre o mesmo…
A expansión da radiodifusión e a electrificación das zona rurais fixo que os novos ritmos chegaran a todos os rincóns da illa, e o desexo de destacar neste mundo atrouxo a unha nova fornada de aspirantes que, nesta ocasión, chegaban de cada rincón de Xamaica e non só das zonas próximas ás grandes cidades, enriquecendo cunha ampla variedade de influencias e ideas os horizontes da música xamaicana. Esta diversificación a nivel artístico e temático desminte a falsa idea de que a música Ska soa sempre a “piñón fixo”.
Dado que a maioría dos aspirantes eran cantantes, a primeira onda do Ska amosou enseguida unha ampla paleta de expresións vocais, facendo que éstas pasaran ao primeiro plano en lugar dos temas instrumentais máis propios das “sound system”. The Jiving Juniors, TheTecniques, Alton Ellis & The Flames ou The Gaylads, representan a corrente inspirada nas formacións estadounidenses que se baseaban nas armonías vocais. Neste ámbito eran frecuentes os dúos coma Keith & Enid, Bunny & Skitter, Alton & Eddie, Roy & Millie ou Derrick & Patsy, que tomaban prestado do Country & Western o gosto polos duetos melosos de temática amorosa que resultarían vitais na consolidación de exitosas bandas románticas no Ska.
Pero a referida variedade musical e temática da nova música xamaicana presentaba outras facetas. A temática social, e incluso de protesta, estivo sempre moi presente no Ska, con Prince Buster sempre á fronte, con discos coma o xa citado “African Blood” ou “War Paint”. Tamén temos o caso dos Wailers, quenes aportaban temas baseados na vida nos guetos de Kingston (“Simmer Down”, “Holligan” ou “Rude Boy”) mezcladas co habitual menú de cancións de amor. Tamén Alton Ellis ofrece en “Dance Crashers” unha visión do aspecto máis violento das “sound system”, os enfrontamentos entre grupos rivais que se producían nos “dancehalls”, igual que “Rough and Tough” de Stranger Cole. Monty Morris e Lord Talamo (cos Skatalites) critican a avaricia e a vaidade da escea musical xamaicana en “Money Can`t Buy Life” e “Come Down” respectivamente; e as cancións “Teach the Youth” de Justin Hinds & The Dominoes e “Honour Your Father and Your Mother” de Desmond Dekker evidencian a mensaxe no título sen deixar lugar á menor dúbida.
Finalmente atopamos un formento de espiritualidade en temas de The Maytals que incorporaban o fervor Góspel da voz de Toots Hibbert en cancións coma “Victory”, “I`ll Never Grow Old” ou “Six and Seven Books of Mosses”. Esa espiritualidade pon en relación á nación escrava negra coa tribo perdida de Israel, coma en “King of Kings” de Jimmy Cliff, e proxéctase ao pensamento rastafari que introduciría na música a súa propia visión en “Mighty Redemer”, “Brotheration”, “King Samuel” ou “Carry, Go, Bring, Come” de Justin Hinds & the Dominoes.
Un pasiño máis.
Todo esto tédelo musicalmente explicitado na listaxe de Spotify que xa adxuntamos na entrega anterior desta serie de artigos adicados aos inicios da música xamaicana e que atoparedes agora ampliada cos temas citados neste artigo:
Na vindeira entrega falaremos do paso final que conduce á internacionalización da música xamaicana.
C. Crespo
