A illa do tesouro. Heroes do Ska.
«The early years».
No 1964, o teclista e compositor JacKie Mitoo (1948-1990), ademáis de buscarse a vida tocando aquí e alá, integrando bandas de estudio, e compaxinando todo isto coas súas propias formacións, tiña un encargo de Clement «Coxxone» Dodd, o de reunir aos mellores músicos da illa para formar a banda que sería a fundadora dun novo e innovador son que cambiaría a escea musical xamaicana, o Ska. Era a semente dos Skatalites, que foi xerminando mentres Mitoo tocaba cos Sheiks xunto a Johnny «Dizzy» Moore (1938-2008), tropeta e Lloys Knibbs (1931-2011), batería.
Podería ser que, neses inicios, o frautista e saxofonista Tommy McCook (1927-1998), nado na Habana, Cuba, rexeitase participar no proxecto, cousa que faría máis tarde, e é por iso que Mitoo inclueu no grupo ao trombonista Don Drummond (1934-1969). O resto dos nomes que desfrutan do privilexio do título de membros fundadores da banda xerminal da música xamaicana son Roland Alphonso (1931-1998), saxofonista tenor, tamén nado na Habana de nai xamaicana; o recentemente falecido Lester Sterling (1931-2023), trompetista e saxofonista; Lloyd Brevet (1931-2012), contrabaixo, rastafari e irmán de Tony Brevett dos Melodians, e Jerome «Jah Jerry» Hains (1921-2007), guitarrista. Tamén se integraron dous vocalistas, a gran dama do Ska, o mito vivinte Doreen Shaffler, de nome real Mónica Johnson que debeu nacer no principio dos anos 40 e que é a derradeira fundadora viva dos Skatalites; e Jackie Opel (1938-1970), orixinario de Barbados e que xa puxera a súa voz ao servicio de xente coma Byron Lee.
Na escea musical xamaicana da época todos se coñecían e todos traballaban con todos, algúns deles eran ex alumnos da Alpha Boys School (Drummond, McCook, Sterling e Moore) e todos formaran parte das bandas de estudio que gravaban R&B americano para as Sound System de «Coxxone» e Duke Reid «The Trojan», ademáis de ter colaborado con The Wailing Wailers (Bob Marley, Peter Tosh e Bunny Wailer), Toots and The Maytals, Ken Boothe e Alton Ellis.
Circulan varias versións sobre cal é a orixe do nome, parece ser que, nun principio, o nome escollido era o de The Satélites, pero logo, nalgún momento, decidiron poñerlle o Ska por diante. Resultado desta combinación foi o nome The Ska-talites (así figura ainda na actualidade no “merchandising” da banda).
A súa primeira actuación coma Skatalites foi no clube “Hi-Hat” de Rae Town, Kingston, o 27 de xunio de 1964. E a súa primeira gravación, tamén dese mesmo ano foi “Man in the Street”, escrita por Don Drummond e que acadaría o Top 10 en Reino Unido. Entre Maio do 64 e agosto do 65 deixaron rexistrados centos de temas (só a Don Drummond atribúeselle a autoría duns douscentos), tanto instrumentais coma vocais, que podedes atopar nalgún dos recopilatorios que existen no mercado, coma “The Best of the Skatalites” (Trojan Records, 2017) ou o publicado este mesmo ano tamén por Trojan dentro da “Essential Artist Colllection” (Trojan Records Official Store – The Skatalites – Essential Artist Collection (tmstor.es) . De este periodo son os grandes clásicos do grupo: «Eastern Standard Time», «Garden Of Love», «(Music Is) My Ocupation», «Latin Goes Ska», «Street Corner» e tantos outros títulos de referencia da música Ska.
O primeiro de xaneiro de 1965, Don Drummond é detido polo asasinato da súa parella, a bailarina, actriz e cantante Anita Mahfood. Tras un breve paso pola cadea, Drummond foi recluido no hospital psiquiátrico de Bellevue onde morrería o 6 de maio de 1969. A banda só duraría ata agosto do 65, cando se disolveu, non sin dar lugar a dúas formacións distintas: Roland Alphonso and the Soul Vendors por un lado e Tommy McCook and the Supersonics por outro.
Segundas veces…
Nas seguintes duas décadas a música Ska conquistou o mundo e, na Inglaterra de finais dos 70 e primeiros 80, a influencia dos sons xamaicanos no movemento punk alumbrou unha renovación do xénero que deu lugar á segunda gran onda do Ska, o «two tones». Grupos coma The Specials, Bads Manners, Madness, The Selecter ou The English Beat homenaxeaban a música de Skatalites coma unha das súas referencias.
No ano 83, con motivo da celebración do «Reggae Sunsplash» en Montego Bay (o evento tería unha réplica posteror no «Cristal Palace» de Londres), os Skatalites voltaron. Houbo saídas e incorporacións, Cluet «Skavoovie» Johnson (¿-?) no baixo; logo sería sustituido por Val Douglas (¿?) que é o actual baixista, Karl «Cannonball» Brian (1937-?) ao saxo tenor; Vin Gordon (1949), trombónista, quen tamén segue na banda na actualidade, Kevin Batchelor (1960), trompeta; Devon James (¿?) sería o guitarrista (o actual é Natty Frenchy) e o teclista Ken Stewart, que continua á fronte dos teclados.
Logo de algún concerto no histórico clube «The Village Gate» de New York no ano 1986, xirarían, no 89, con Bunny Wailer no «Liberation Tour» e ao ano seguinte o farían, xa, coma banda titular. A partir do ano 2001 os «tours» acadarían o ámbito global incluindo Europa, Sudamérica e Xapón e dende entón, non deixaron de xirar. Sempre en transformación, por razóns obvias, na formación actual (según a súa web oficial), ademáis de Doreen Shaffer, Val Douglas, Vin Gordon, KenStewart e Natty Frenchy, intégranse o persusionista Larry MacDonald, o baterista Sparrow Thompson, o trompetista James Smith e o saxofonista Anant Pradhan, todos eles músicos con recoñecidas traxectorias en diversas formacións.
Cabe, tamén, destacar algúns nomes da avultada listaxe de artistas que, nalgún momento, colaboraron, actuaron ou gravaron con eles. Por citar algún que nos dea unha idea da dimensión da influencia dos Skatalites na música xamaicana, mencionarei a Rico Rodriguez, Bob Marley, Bunny Wailer, Peter Tosh, Baba Brooks, Lord Tálamo, Laurent Aitken ou Desmond Decker.
A súa discografía, publicada por diversas discográficas, é tamen moi extensa, e para non meterme nun pantano, só farei referencia, ademáis dos dous recopilatorios xa citados, do álbum «Hi-Bop Ska ! The 30th Anniversary Recording» (Shanachie, 1994), que foi nominado a mellor disco de reggae nos «Grammy Awards» de 1995 e o «Greetings fron Skamania» (Shanachie, 1996), tamén nominado na mesma categoría do Grammy na súa 39ª edición.
Hai moitos outros títulos que vale a pena descubrir coma «Ska Voovee» (Shanachie, 1993), «Ball of Fire» (Island Jamaica Jazz, 1997), «Roots Party» (XIII Bis Records, 2003) ou «Clash Of The Ska Titans/Guns of Navarone» (Moon Ska Europe, 2005).
Así visto, Skatalites non é unha banda ou grupo ao uso, a súa dilatada carreira convérteos nos gardiáns das esencias máis primarias do xénero seminal da música xamaicana, coa súa ofrenda de ska, e os seus achegamentos ao jazz e ao R&B, ao mentho e o calipso, ás percusións africanas e mesmo á música cubana. Ademáis de sentar as bases que rexerían sons posteriores coma o rocksteady e o Reggae, influirían en bandas da importancia de The Clash, Police, No dubt e os xa citados membros do Two Tones. Algúns teríades o privilexio de desfrutalos no Revenidas do ano 2012. Se non foi así, as continuas xiras poden achegárnolos en calquera momento (son asíduos do Rototom Sunsplash e de numerosos festivais relacionados coa música negra e o jazz), si tes a sorte de coincidir, non deberías deixar de desfrutar do seu directo.