A illa do tesouro.
Heroes do Ska. Toots & The Maytals
Working on a dream.
Atribúeselle a Chris Blackwell unha frase na que establece un paralelismo na relación entre os Maytals e os Wailers coa existente entre os Beatles e os Rolling. Non sei si existen puntos de comparación ni me queda claro cal debería ser o rol de cada un, pero do que si estou convencido é de que a importancia de Toots & The Maytals para a historia do reggae non é menor que a da banda de Marley, ainda que nunca acadaran o seu éxito comercial nin o seu impacto cultural.
Cando Toots Hibbert chegou a Kingston e coñeceu a os seus compañeiros Henry «Raleigh» Gordon (St. Andrew, Xamaica, 1937) e Nathaniel «Jerry» Mathias (Portland, Xamaica, 1939), todos buscando escapar da escaseza material que aplastaba a gran parte da sociedade xamaicana, especialmente nas zonas ruráis, nin imaxinarían que estaban a conformar a banda que máis evidentemente representa os vínculos entre os sons xamaicanos e a música negra estadounidense.
Frederick Hibbert naceu en May Pen, na parroquia xamaicana de Clarendon en 1942. Era o pequeno dos sete fillos dun pastor adventista. «Little toots», como lle apodaban os seus irmáns, medrou cantando no coro da igrexa do seu pai, o que marcaría profundamente o seu estilo. En 1961 trasladouse a vivir á capital, coma moitos outros que buscaban escapar da miseria. (Foto 1)

Xunto aos xa citados Gordon e Mathias fundarían un trío vocal que pronto sería descuberto por Coxsone Dodd, propietario do mítico Estudio One. Era o ano 1962 e, logo de grabar un single de debut titulado «Halleluya» co nome de The Vikings, adoptarían o nome de The Maytals, que fai referencia á vila onde nacera Hibbert. Xa coa nova denominación e traballando para Coxsone, publícanse unha serie de singles que serían recopilados para o seu primeiro LP «Never Grow Old, Presenting The Maytals» de 1964. A banda de estudio que sirveu de soporte a estes traballos, caracterizados por unha forte influencia gospel, non era otra que os Skatalites.
Despois de dous anos de traballar para Estudio One, o trío decide cambiar de aires. Segun o propio Hibbert, o pago que recibiu polo seu primeiro traballo para Coxsone consisteu nunha hamburguesa de tenreira, así que buscaron quen pagara mellor.
Era 1965 e, despois de grabar un par de singles con Prince Buster, acordan co productor Byron Lee a grabación dun segundo disco que levaría por título «The Sensational Maytals». No material que graban con Lee percíbese unha evolución na súa música, con un estilo máis pulido e maduro. Tamén neste mesmo ano gañan o «Jamaican Independence Festival Popular Song Competition» con «Bam, Bam», un tema exitosamente versionado por xente coma Sister Nancy ou Yellowman, e polo que Hibbert afirmaba non ter recibido nin un centavo polos dereitos de autor. Os Maytals gañarían este concurso noutras dúas ocasións.
Tamén neste momento prodúcese a primeira viaxe a Inglaterra para actuar e, xa no 1966, a carreira dos Maytals detense polo ingreso en presidio de Toots, acusado de posesión de marihuana. Ainda que él mantivo sempre que lle tenderan unha emboscada cando se dirixía a pagar a fianza dun amigo, cumpriría dezaoito meses. O mítico tema «54-46 Was My Number» fai referencia a este episodio.
Reinserción.
A estancia de Hibbert na cadea coincide co desprazamento do ska na escea musical xamaicana para ser sustituido polo son proto-reggae do rocksteady, e os Maytals souberon prosperar nesa senda.
En 1968 retoman a súa carreira profesional abandoando o concepto de trío e adoptando a forma dunha banda que contaría cos músicos que lles estaban a servir de soporte nas últimas grabacións, a saber: Jackie Jackson, Hux Brown, Rad Bryan e Paul Douglas. O grupo chamaríase Toots & The Maytals e o productor co que ían traballar sería Leslie Kong no selo Island, propiedade de Chris Blackewll. De esta sociedade sairon algúns dos seus maiores éxitos coma o xa citado «54-46…», «Pressure Drop» ou «Monkey Man»; todos incluidos no LP de 1969 «Sweet And Dandy». Outro éxito deste momento foi «Do The Reggay», que pasa por ser a orixe da palabra «reggae» tal e coma acredita o Oxford English Dictionary, que fai referencia á banda na etimoloxía do termo.
No 1970 «Monkey Man» sería o seu primeiro éxito a nivel internacional, éxito que se vería refrendado cando «Sweet And Dandy» e «Pressure Drop» foran incluidas na BSO da película «The Harder They Come» de 1972.

Pero antes, no 71, ao finar Kong, o seu enxeñeiro de son, Warrick Lyn, pasa a ocupar o posto de productor. Os discos que grabarían para Blackwell acadarían un gran éxito comecial, especialmente «Funky Kingston» (1973) e «Reggae Got Soul» (1976). Para a promoción destes álbums a banda xiraría cos Who e os Eagles entre outros.
Igual que sucedeu con outros artistas xamaicanos, os éxitos de Toots & the Maytals experimentaron un rexurdemento a finais dos 70 e primeiros 80 coincidindo coa explosión do punk e o 2Tones en Gran Bretaña. Ademáis da versión do «Monkey Man» incluída no álbum debut dos Specials no 1979 e a que de «Pessure Drop» editarían os Clash coma cara B do single de «English Civil War», extraido do LP de 1979 «Give ´Em Enough Rope», moitas outras bandas visitarían a herdanza da banda xamaicana: The Selecter, Amy Winehouse, Kortatu… Fermín Muguruza grabaría tamén «54-46 Was My Number» no «Brigadistak Sound System» (1999), grabación na que contaría co propio Hibbert. A mostra evidencia a relevancia que os xamaicanos tiveron na segunda onda expansiva do ska.
No 1981 publícase «Knock Out», álbum que sería o derradeiro da banda na súa forma orixinaria, Mathias e Gordon deciden retirarse e, ainda que Toots continuaría xirando, non grabaría de novo ata que, no 1988, publica en Mango Records «Toots In Memphis», álbum no que rende homenaxe aos grandes do R&B que lle serviran de inspiración. O traballo entusiasmou á crítica e foi merecedor dunha nominación ao Grammy.
A colleita.
Xa nos 90, Hibbert recomproñería a banda sen os seus dous vellos aliados, realizaría numerosas xiras e grabaría varios traballos en diferentes selos especializados en reggae, pero non sería ata 2004 cando a lenda voltaría por todo o alto.
En «True Love» (2004), Toots & The Maytals incluirían versións dos seus éxitos coa participación dun grande elenco de estrelas coma Willy Nelson, Eric Clapton, No Dubt, Ken Boothe, Marcia Griffiths, os Skatalites, U-Roy, Manu Chao, con que grabaría o tema «Merry Blues», ou a súa satánica maxestade Keith Richards. Desta si que gañou o Grammy ao mellor álbum de reggae.
Hibbert e a súa banda continuarían a xirar e a colabourar con outros artistas; no 2011 a BBC estraría un documental adicado á súa historia, de título «Toots & The Maitals, Reggae Got Soul,» no que aparecen de novo moitos dos seus amigos: Clapton, Jimmy Cliff, Keith Richards, Willy Nelson, Marcia Griffins, Chris Blackwell…
No 2013, nun concerto en Richmond, Virxina, U.S. unha botella lanzada dende o público, impactou na cabeza de Toots, obrigando á suspensión de varios meses de xira. O incidente mantivo a Hibbert alonxado dos escearios ata 2016, cando o grupo retomou os concertos e colaboracións.

No 2020 habería unha derradeira grabación, o disco «Got To Be Tough» publicaríase no selo Trojan Jamaica, fundado no 2016 por Zak Starkey.
En agosto, Frederick Hibbert enfermaría de COVID, ingresado no hospital, permaneceu en coma inducido ata que faleceu o 12 de setembro.
Ata aquí a historia dunha das bandas xamaicanas máis relevantes e cuxa repercusión na música pop e rock posterior aos 80 resulta transcendental. Sen dúbida a personalidade do seu «frontman» é unha das razóns do seu éxito, a voz de «Toots» Hibbert, a súa forza e expresividade, acadou o recoñecemento da industria musical ata ser considerado pola revista Rolling Stone entre as cen mellores cantantes de todos os tempos, un artista moitas veces comparado cos que él mesmo consideraba os seus referentes, Otis Redding e Wilson Pickett. Coma autor, a súa música auna o misticismo gospel, a cotidianidade do blues e a sensualidade do soul sen alonxarse nunca dunha profunda raigame xamaicana.
Aquí vos deixo un enlace a unha listaxe de Spotify que confeccionara con motivo do seu pasamento e que inclúe, ademáis dos temas máis relevantes da banda, algunha das versións coas que outros artistas renderon homenaxe a este grupo irrepetíbel: