A illa do tesouro. Heroes do Ska.
Prince Buster. Voice of the people.
The Prince.
Prince Buster naceu o 24 de maio de 1938 en Orange Street, Kingston, epicentro que foi do nacemento da música xamaicana no que agromaron os mellores productores, cantantes e músicos dende o R&B ata o reggae.
O seu nome real era Cecil Bustamante Campbell, e era a súa unha familia de clase obreira, o seu pai traballaba coma maquinista no ferrocarril. A súa primeira infancia transcurriría fora de Kingston, nunha zona do rural xamaicano na que viveu coa súa aboa, muller de profundas conviccións cristiáns, quen propiciaría os primeiros contactos do neno coa música, coma en outros casos, vinculados aos cantos da igrexa.
De volta á cidade asisteu á escola na Central Branch School e logo na St. Anne`s School. Xa nese tempo, á edade de sete anos, Cecil compaxinaba a súa educación coa participación na compañía de canto e baile de Frankie Lymon no Glass Bucket Club, local de referencia para a mocidade xamaicana da época.
Ao rematar a escola, Buster escomenza a traballar para «Tom the Great Sebastian», un dos principais sound system da primeira xeración. Fillo dun dos barrios máis difíciles de Kingston, din que Cecil era o prototipo de tipo duro, afeito ás duras condicións de vida dos barrios non evitaba as pelexas, o que chamou a atención do campión xamaicano do peso medio Speedy Baker que, coa axuda do tamén campión xamaicano Kid Chocolate, subiu a o Buster adolescente ao ring.
Este feito marcou a vida do artista en diversos aspectos: o primeiro é a orixe do seu nome artístico, pois foi nesa etapa coma boxeador na que se gañou o apodo de «The Prince» que, unido ao diminutivo do seu segundo nome, conformaría o apelativo co que sería mundialmente coñecido. Di a lenda que, ainda que foi BaKer quen o introduxo no puxilato, foi o «deejay» Count Machuki quen lle axudou a perfeccionar o seu gancho de dereita. Tamén grazas ao boxeo Buster chegaría a coñecer a Muhammad Ali, quen chegou a ter tal influencia nel que sería determinante na súa conversión ao Islam.
O carácter do xoven Cecil tamén resultaría relevante no seu paso do sound system de «The Great Sebastian» ao de Clement Coxsonne. Contan que Coxsonne camiñaba pola rúa acompañado por Machuki, que xa era entón o seu «deejay», cando viron a Buster correndo, coitelo en man, detrás dun dos temibles matóns que Duke Reid enviaba aos locais da competencia coa idea de montar barullo e desbaratar os bailes. Coxsonne pensou que ese era o tipo de xente que necesitaba para o seu negocio e pideulle a Machuki que llo presentara.
Así foi como o noso protagonista escomenzou a traballar para Sir Coxsone`s Downbeat, o sound system que lle sirveu a Cecil para acadar o «doctorado» no que ao negocio da música se refire. En Downbeat a súa ocupación principal era a «seguridade», pero pronto chegou a desempeñar tarefas coma «deejay», «toaster» (un tipo que improvisaba parrafadas sobre a música, precedente do que logo farían os rapeiros), e tamén se introduxo nos aspectos técnicos e incluso administrativos do negocio.
Ademáis Coxsonne contaba co talento de Price Buster para unha cuestión da que moi pouca xente era quen de ocuparse. Nuns tempos nos que os sound system dependían dos discos procedentes dos U.S.A. e nos que a competencia entre os distintos systems era terrible, cando os singles mercados nos EEUU chegaban aos bailes, unha das primeiras cousas que se facían era borrar cunha moeda todo rastro da etiqueta, para impedir así que os espías da competencia identificaran os materiais. Buster desenvolveu unha habilidade que valía ouro, bastaba con que Prince se achegara ata a porta dos bailes e escoitara a música, para que fora quen de identificar ao cantante, o título e incluso o selo da gravación, tal era o coñecemento que tiña da música que triunfaba nos Estados Unidos.
Voice of the people.
En 1957, con dezanove aniños, o noso home deixou a Coxsonne coa firme proposición de fundar o seu propio negocio. Pideu axuda á familia e tamén ao Sr. Wong, propietario de Wonards Radio Engineering, unha tenda de electrodomésticos situada en Church Street que era o principal proveedor dos equipos que se empregaban nos bailes. Con estes recursos, Buster creou un sound system que debería ser capaz de competir cos de Reid e Coxsonne, dominadores da escea dos dance halls de Kingston. O nome escollido reflexa a visión do seu fundador, «Voice of the People» pretendía dar espacio ás expresións culturais netamente xamaicanas que se alonxaran da influencia da música norteamericana, unha música creada polo pobo para o pobo.
Tras arrastrar ao seu proxecto a Machuki, considerado o mellor deejay do momento, e tendo recibido a bendición de Count Ossie e os rastas de Salt Lane, Prince colocouse enseguida entre o trío de ases dos sound system.
Coma os outros soundman, Buster tentou viaxar aos EE.UU. a mercar discos e apuntouse a un programa gubernamental norteamericano que seleccionaba traballadores xamaicanos para a recollida de caña nos USA, pero foi rexeitado e non obtivo o visado necesario, por este motivo veuse obrigado a meterse nun estudio de gravación e producir os seus propios discos.
Naquelas primeiras grabacións nos estudios da Federal Records de Ken Khouri, Buster produxo temas coma «Little Honey», «Humpty Dumpty», «African Blood» ou «Time Longer than Rope», traballando con cantantes coma Derrick Morgan, Eric Morris ou Bobby Aitken e temas instrumentais executados pola súa banda de estudio os Jamaica All Stars liderados por Johnny Dizzy Moore e Justin Hinds.
Buster quixo ir un paso máis aló e, co propósito de introducir elementos culturais autóctonos consigueu, non sin dificultades, meter nun estudio de grabación ao grupo de percusións de Count Ossie, referente da música dos rastas, para grabar «Oh, Caroline» dos Folkes Brothers.
Nos 60 Buster gravaría moitos dos temas que cimentaron a súa lenda: «Madness» (1963), «Wash, wash» (1963), «One step Beyond» (1964) ou «Al Capone» (1964). Precisamente sería esta última composición a que, no 1967, acadaría o Top 20 nas listas do UK, do que resultaría unha xira por Gran Bretaña que tería continuidade noutra polos EE.UU.
Nos derradeiros anos da década, o noso home atoparíase de novo na primeira liña da vangarda xamaicana tras asumir o tránsito do ska ao rocksteady. De esta época son «Shaking Up Orange Street» (1967) e, sobre todo o álbum «Judge Dread Rocksteady» (1967) co que protagonizaría unha das máis soadas «ska wars» debido ao enfrontamento musical entre Buster e Lee Scratch Perry a propósito das diferentes perspectivas que mantiveron en relación coa violencia rude. Coma productor, Buster crearía discos de artistas tan relevantes coma Dennis Brown ou Big Youth.
Na retagarda.
Xa nos anos setenta, cando a música xamaicana se adentra nos camiños do reggae «roots», a carreira de Buster fréase, pode ser que a súa fe islámica o alonxara das temáticas e formas dunha nova fase dominada pola cultura rastafari. Non obstante, según relatou el mesmo, foi a fundación dunha mezquita no centro de Kingston, que disgustou ao goberno xamaicano, o que fixo que, ante a presión das autoridades, o artista decidira establecerse en Miami e centrarse nos seus negocios.
Ainda así, en 1972 aparecería facendo un «cameo» coma deejay no filme «The Harder They Come», pero neses anos unicamente publicaría recopilartorios e algún achegamento aos discos de «deejays» e ao «dub», permanecendo afastado da escea incluso cando, no remate da década, o renacemento do ska na Gran Bretaña fixera que os seus temas foran reivindicados por bandas coma Madness (o nome non é casual), The Beat ou The Specials.
O ano 1984 supón o regreso de Prince Buster aos escearios no primeiro Reggae Sunsplash celebrado en Londres no mes de xullo. A finais dos 80 xira por Xapón cos Skatalites coma banda de acompañamento. Ata 1992 non gravaría música nova, pero o seu retorno sería discreto.
En 1994 celébrase un xuicio polos dereitos de «Oh! Caroline» por unha demanda interposta por John Folkes contra Buster e a súa compañía Melodisc. En 1998 un tema de 1969, «Wine & Grine», sería a parte sonora dun anuncio de Levi`s e entraría de novo nas listas británicas de éxitos.
No 2001 recibiría a «Order of Distiction» concedida polo goberno xamaicano a quenes teñan prestado servicios destacados para esa nación. Ao longo da década dos 2000 participa en numerosos festivais tanto en Norteamérica coma en Europa.
Campbell finou o 8 de setembro de 2016 en Miami debido a un fallo cardíaco. Levaba uns anos nun estado de saúde delicado a causa dunha serie de derrames cerebrais dos que, o que sufrira en 2009 deixárao incapacitado para camiñar.
Tras de sí, permanecendo un legado que cambiou o curso da música xamaicana, sendo un pionero do ska que axudou a esparcir por todo o mundo os sons xamaicanos, a súa influencia chegou ata cotas que fan que o apodo acadado no puxilato semelle escaso, sendo máis apropiado o autoproclamado título, nunca discutido por ninguén, de «King of Ska».
C. Crespo.
