A illa do tesouro. Heroes do Ska. Geg Lee (Hepcat).

Nota necrolóxica.

O pasado 19 de marzo falecía en Paramount, California, aos 53 anos, o cantante e fundador da influinte banda Hepcat, Greg Lee. Este triste feito induce a introducción dunha disgresión espazo temporal na liña habitual desta sección, centrada no estudo da música orixinal xamaicana, para trasladarnos ao momento no que, impulsada polo 2Tone e o punk procedentes de Gran Bretaña, a chamada terceira onda do ska, escomenza a medrar nos Estados Unidos. 

Greg Lee vivía, a finais dos anos 80 en «Los Ángeles», un dos centros irradiadores do movemento, e ainda que ao principio se achegou ao ska punk predominante no sur de California, pronto se interesou polas músicas dos discos clásicos xamaicanos que se pinchaban nas sesións vinculadas aos concertos de bandas de ska. En palabras do propio Lee: «Chegou un momento no que pagabamos as entradas para escoitar ao Dj e bailar ao ritmo das cancións antigas». Greg e o seu círculo sentiron a necesidade de saber máis sobre ese estilo: «Metiámonos no coche de alguén e íamos a unha tenda de discos para mercar discos xamaicanos antigos. Líamos os reversos dos discos e as notas e os compartíamos no coche de volta á casa, tentando aprender todo o que podíamos sobre a música». 

 

Hepcat.

No 1989, Greg Lee fundaría Hepcat, xunto con Alex Desert (vocalista) e Deston Berry (teclista),  unha banda que se mantería á marxe do que sucedía no seu entorno, abrazando un son que tentaba recrear os sabores xamaicanos da vella escola, cos seus ventos jazzísticos e unha postura elegante e relaxada fronte á belixerancia punk. A banda completouse con Aaron Owens na guitarra, Dave Fuentes ao baixo, os saxofonistas Efrén Santana e Raúl Talavera, o trompetista Kincaid Smith e o batería Scott Abels.

O nome «Hepcat» podería facer referencia a un termo do argot que polos 1930-1935 se empregaba para denominar aos admiradores e devotos do Jazz, un «Hep» ou «Hipster». Outra teoría menos cultureta apunta ao nome dun gato que tivo Alex Desert, o gato «Hep». A verdade e que ambas versión son verosímiles e non se contradín, así que…
Unha vez montada, a banda acadou enseguida certa reputación na costa oeste, a necesaria para telonear aos seus ídolos, os Skatalites, na súa xira do ano 92: «Cada día era coma un curso de entrenamento militar sobre música ska. Ninguén recibiu esa educación excepto os xamaicanos que tocaron con eles nos 60 e máis nos.» dicía Greg.
Logo chegaría o seu primeiro traballo «Out of Nowhere» (Moon Records, 1993), un disco impregnando dun ritmo movedizo e arrastrado que serve de base a un son reggae no que asoma a influencia do Jazz o Soul e da música latina (Deus, como odio ese termo!), que se farían patentes nos seus traballos posteriores. 

 

En 1996 chegou o seu segundo disco «Scientific» grabado co selo BYO Records, e a banda veuse imersa nunha dificil loita, a de plasmar en directo esa música rescatada da xénese do ska nunha escea cada vez máis influenciada polo punk. «Na primeira ducia de concertos, máis ou menos, todo o mundo ficaba quedo, mirándonos, ninguén bailaba», dicía Lee. Por sorte, ao final da xira, a explosión do ska dos 90 estaba en pleno apoxeo e a banda xa era recibida por multitudes moito máis entusiastas, converténdose en cabezas de cartel de pleno dereito: » Foi raro, pero a xente aprendeu a bailar Ska da noite para a  mañá!».

Hellcat.

No 1997, ao final dun concerto en Hollywood, entre bambalinas, Tim Amstrong, líder de bandas coma Operación Ivy, Rancid, Dance Hall Crashes ou The Transplants, ademáis de socio e «mánager» do selo Hellcat; Brett Gurewitz, guitarrista de Bad Religion e propietario de Epitaph Records, compañía matriz da de Amstrong, e o mesmo Joe Strummer que pasaba por alí, convenceron á banda para que firmaran coa compañía de Tim «Timebomb». De esa relación naceu o que foi considerado por Time un dos mellores álbums de 1998, «Right on Time» (Hellcat, 1998).
Greg Lee e Alex Desert foron convidados a participar na grabación, en Xamaica, do disco de Rancid «Live Won`t Wait». Durante a estancia na illa, os membros de Hepcat e de Rancid compartiron estudios de grabación con músicos coma Sly & Robbie ou Buju Banton, pero a lembranza que no seu momento Greg Lee compartiu foi o trato que recibiron dos nativos: «Fumos a Xamaica con eses tipos do punk-rock, que levaban tatuaxes no pescozo e por todo o corpo. En Xamaica eso non se fai» – contaba Lee – «Camiñabamos por Orange Street con eses tipos, mirando as tendas de discos, e a xente pechaba a persianas das fiestras, os nenos tirábannos pedras e as vellas berraban contra nos dende as súas casas».

Estaban no seu mellor momento e, xusto antes de publicar o seu cuarto álbum, «Push`N Shove» (Hellcat, 2000), os membros de Hepcat separáronse. Neste álbum xa non estaban os membros fundadores Raul Talavera e Alex Desert, ainda que este último participaría nos coros dun par de temas.

Neses primeiros 2000, a escea ska estaba sobresaturada e Hellcat prescindiu do grupo que continuou xirando de forma irregular dende 2003, ano no que Dessert se reincorporaría. O pasamento do baixista David Fuentes no 2007 e o do guitarrista Aaron Owens no 2015 farían que as aparicións da banda fosen moi esporádicas.

 

Greg Lee, pola súa banda, continuou a traballar, destacando a súa participación na Western Standard Time Ska Orchestra, os Aggrolites e outras bandas do sur de California. Fora do escenario Greg era un gran afeccionado aos scooters e acostumaba a participar en concentracións e outras actividades. Tamén era destacable o seu labor de apoio ás bandas emerxentes. 

Ata aquí a miña pequena homenaxe a un artista que, a contracorrente, foi quen de trasmitir os sons máis xenuinos e esenciais do ska ás xeracións herdeiras do 2Tones, unha tendencia que ainda, a día de hoxe, xoga un relevante papel na diversificadísima escena do ska.

C. Crespo

 

Carrito de compra
Scroll al inicio