A Illa do Tesouro.
RASTAFARIS. III.
Qué ven o Rastaman!
O orgullo da negritude que aportaban as bases do pensamento rasta supuña un gran atractivo intelectual que recoñecía a idea dunha nazón negra, inspirada na figura do emperador etíope e no cristianismo negro estadounidense, pero tamén na insurxencia dos Mau Mau (movemento guerrilleiro keniata que enfrontou ao colonialismo británico entre 1952 e 1960), o rei Ja-Ja de Opobo (Nixeria) e os rebeldes anticolonialistas ugandeses Nyahbingi, influenzas todas envoltas nunha arcana mística africana irresistiblemente atractiva para os descendentes da diáspora. A crenza de que toda a poboación negra, en calquera parte do mundo, compartía un mesmo legado cultural que debía ser preservado constituía unha poderosa forza unificadora.
Ademáis, fronte á idea do «negro bo», os rastas non toleraban a sumisión e estaban sempre preparados para reivindicar os seus dereitos coma persoas, Tamén mantiñan a convicción de que tódolos negros, homes e mulleres, tiñan a obriga de comportase dese xeito rebelde e orgulloso. Tampouco se admitía o engano ou a agresividade entre negros, nin ningún comportamento que non fora considerado digno ao cen por cen dunha filla ou fillo de África. Así pois, o movemento rastafari posicionábase á marxe dos modelos convencionais do sistema de clases xamaicano, un sistema que colocaba á poboación afrodescendente nos escalóns máis baixos da sociedade.
Así, a inicial incomprensión por parte dos estamentos colonialistas, pronto se transformou en medo, e ese medo pronto resultou nunha intolerancia que esixía das autoridades represión policial fronte a aquel desafío. Xa dende os primeiros anos trinta, a persecución policial e xudicial sobre o movemento foi dura e sistemática, utilizando a lexislación contra o vagabundaxe e o tráfico de marihuana para xustificar tanto o acoso individual coma as devastadoras redadas contra os campamentos rastas, tras as que a prensa encargábase de confirmar á xente de ben a percepción de que aquel era un movemento de folgazáns, sucios, insubordinados, violentos, dementes e delincuentes. Non resulta así extrano que as nais en Xamaica utilizaran a figura do rasta coa mesma intención que as occidentáis utilizaban a do «coco», o «home do saco» ou o «sacauntos».
Logo, a nivel do Estado, a percepción da ameaza concretouse cando o rastafaris se radicalizaron. En 1934 escomezaron a autodenominarse «Nyahmen» para identificarse cos anticolonialistas ugandeses enfrontados á coroa británica e, en 1935, cando a Italia de Mussolini atacou Etiopía, miles de xamaicanos tentaron alistarse para ir a loitar, pero as leis británicas impedírono.
War inna Babylon.
A persecución hacia o movemento rastafari tivo momentos álxidos entre os que destacan as revoltas producidas en abril de 1963 cando, coa intención de construir un hotel, a policía desaloxou un pequeno asentamento de rastafaris instalado na zona. Os disturbios duraron vinteún días e remataron con oito mortos, centos de feridos e uns cento cincuenta detidos. Esta matanza non foi recoñecida polo goberno Xamaicano ata o ano 2017.
Tras estas revoltas as autoridades invitaron a visitar Xamaica ao Emperador Haile Selassie I, coma unha maneira de calmar os ánimos e reconciliarse cunha poboación cada vez máis afín ás ideas dos rastafaris. A visita reuneu o 21 de abril de 1966, no aereoporto de Palisadoes en Kingston, a máis de cen mil persoas procedentes de toda Xamaica que acudian a recibir a quen consideraban o seu Deus, tocando tambores e fumando grandes cantidades de marihuana. Tal foi a relevancia deste acontecemento que, hoxe en día, a conmemoración de aquela data segue a ser unha das grandes festividades do rastafarismo, o «Grounation Day».
Tamén houbo importantes revoltas cando, en 1968, o goberno da illa impediu a entrada ao país a Walter Rodney, un profesor universitario que foi quen introduxo no rastafarismo os ecos do movemento polos dereitos civís dos Estados Unidos, a Nación do Islam e o pensamento de Malcom X. Rodney retoma a premisa de Garvey de tentar a liberación mediante o logro da autonomía económica, pero abandoará a idea do retorno a África pois considera que a liberación debe producirse, en primeiro lugar, na propia illa. O seu lema era «Liberación antes que repatriación» e esta nova perspectiva é a que converte o rastafarismo nun movemento moito máis sólido, masivo e perigoso.
Pero a represión non foi capaz de atallar o problema, sobre todo por unha cuestión de incomprensión. As autoridades británicas primeiro e as propias logo da independencia, non lograban comprender a base do conflicto. Por un lado, non entendían esa filosofía que semellaba unha relixión pero que non o era en termos convencionais, tampouco concebían ese movemento oposto ao capitalismo pero que non contaba cun manifesto político, e o que xa lles resultaba completamente inimaxinable era a idea dunha ideoloxía baseada no concepto de raza dende o punto de vista dos negros. Tampouco era sinxelo enfrontarse a un movemento que estaba en contínuo reaxuste, e que cambia continuamente en función dos obstáculos que se presentan e, finalmente, existe un derradeiro aspecto que, por irónico, resulta inasumible para a mentalidade occidental: aos rastasfaris non lles interesa o xogo político tal e coma está plantexado, non teñen o mínimo interese polas cuestións de «Babilonia», desprezan todo o relacionado coa política convencional. Pese a esto, o credo rastafari esixe a distribución igualitaria da riqueza, preconizando a entrega do poder aos desposuídos e avogando por unha revolución a nivel mundial; unhas ideas que garanten a desconfianza dos poderes políticos en calquera país.
«Esa jerga que emplean los rastas…»
Ao longo destes artigos atopamos certas palabaras, certas expresións que son propias do iyárico, a peculiar linguaxe coa que se expresan os rastafaris, é a chamada «Dread talk», unha xerga procedente do patois xamaicano, unha lingua criolla que se formou polo contacto entre o inglés e os diversos idiomas africanos que falaban os escravos, ainda que conta tamén con influenzas procedentes do francés, do castelán e do taíno.
Esta fala, que se desenvolveu ao longo do século XIX e o XX, acadou especial relevancia a partires dos anos 50 do XX, cando os rastas desempeñaron unha importante laboura na súa institucionalización, do mesmo xeito que o fixeron coa «ganja» e as «dreadlocks». Os primeiros rastas en empregar o iyárico foron os membros da secta rastafari «Youth Black Faith», fundada en 1949, quenes a concebiron coma unha linguaxe segreda que lles permitira comunicarse á marxe dos opresores. Pero foi a partires dos anos cincuenta e sesenta, coa explosión do ska e do rocksteady e logo nos setenta co reggae, cando esta xerga se infiltrou no criollo que falaban o resto dos xamaicanos. As súas innovaciós linguísticas consistiron na resignificación de palabras, na fusión de outras para formar palabras novas e na introducción do pronome «I» coma primeira sílaba de palabras existentes. Así foi coma os rastas foron introducindo vocabulario e incluso estableceron certas peculiaridades sintácticas ate constituir o que, na súa propia lingua, denominan «livalect», un dos nomes co que se refiren ao tamén coñecido coma «I-talk», «Rasta-talk» ou «Dread-talk».
Ademáis do uso do pronome de primeira persoa «I» na xa citada expresión «I and I» e lugar de «nós» (tamén se empregan outras formas coma «I&I», «I’n I» ou «ihi yahnh ihi»), que expresa a unidade con deus, e do termo «Babylon», que se refire a todo o que da sociedade occidental rexeitan, existen numerosos exemplos lingüísticos que ilustran a visión rasta do mundo. Así «politricks» combina «política e truco» e os que practican a política son «politrickers» e non «politics»; En «downpression» sustitúese o «up» de «opression» por «down», xa que o opresor («downpressor») somete ao oprimido, e tamén «downgression» é agresión. Tamén «everliving» sustitúe a «everlasting» (eterno), suprimindo o concepto de «final» que conleva «last» (derradeiro) e aplicando o concepto de «live» (vivo), así «everliving» é a palabra rasta que se refire á vida eterna. Outros exemplos similares serían «overstanding» e «innerstanding» que reemplazan a «understanding» (comprensión) elevando o seu concepto ata o nivel da iluminación cos significados que aportan «over» (sobre, por encima de) e «inner» (persoal ou privado); ou «aprecielove» en lugar de «apreciate», palabra que no seu remate soa coma «hate» (odio). Tamén sustitúen o verbo «belive» por «know» cando se refiren ás súas crenzas, pois eles non creen, eles saben.
É común destacar as aportacións que Peter Tosh, compañeiro de Marley nos Wailers e outro dos maiores difusores da música e a cultura xamaicana, fixo a esta xerga. Ademáis de térselle asignado a invención do térmo «politricks», tamén se lle atribúe o uso de «Asadica» en lugar de América, o de «Shitaly» para referirse a Italia coma país agresor da nación Etíope («shit» é «merda» en iglés), e a que considero cumio da elaboración lingüística rasta, o nome que lle asignou ao «descubridor de América», Cristobal Colón: «Christ-t’ief Come-bust-us» que poderíamos traducir coma «os ladróns cristiáns viñeron a trincarnos». Ao Congreso Xamaicano, que recibe o nome de «House of Represtatives» ou Cámara de Representantes, Tosh rebautizouno co nome de «House of Represent-a-thief» que significaría algo así coma «casa de representa ladróns». Outras creacións de Tosh puderon ser «crime minister» por «prime minister» (primeiro ministro), «Hell A.» por «L.A.» (Os Ánxeles, California) ou «damager» (de «damage», dano) en lugar de «manager». Por certo, que ao seu propio manager cambioulle o nome, pois din que sempre se refería a Chris Blackwell, dono de Island Records e cuxo apelido poderíamos traducir coma «Negro-bien», coma «Whiteworst» que viría significando «branco peor».
